O FICBueu medra con máis filmes, sección galega e actividades paralelas

O Centro Social do Mar acollerá entre o 7 e o 12 de setembro o 8º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Os filmes galegos abrirán as sesións do certame, que se realizarán ás 20.00 e ás 22.00 horas con entrada de balde
A organización do FICBueu xunto aos diferentes representantes das institucións colaboradoras
photo_camera A organización do FICBueu xunto aos diferentes representantes das institucións colaboradoras

O municipio morracense de Bueu estase a converter nunha vila de película. O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) chega un ano máis á localidade. Trátase dun certame cinematográfico referente a nivel galego e nacional, xa consolidado, pero que está a gañar cada vez máis importancia internacional, xa que precisamente do extranxeiro proceden gran número das producións que se proxectarán na oitavaedición do FICBueu,

Os amantes da sétima arte poderán gozar, do 7 ao 12 de setembro no Centro Social do Mar, dunha selección das mellores curtas presentadas ao certame, que este ano se amplía a 28 filmes, cinco deles ‘made in Galicia’, correspondentes a unha nova sección na que se reproducirán obras galegas. Ademais, outras das novidades que presentou onte a organización do festival é a incorporación de actividades paralelas, como unha charla sobre literatura e o cine ou a campaña da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) ‘Bueu ten un comercio de película’.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, apuntou que o evento contribúe a que a vila «siga medrando en valores desde a cultura e o deporte». e destacou que esta oitava edición «bateu todos os récords en canto ao número de películas enviadas dende diferentes partes do mundo» A organización recibiu 2.087 traballos de 107 países, cun incremento notable nos de procedencia estadounidense e, sobre todo, alemá, tal e como reflicte o predominio xermano da selección final.

Así o puxo de manifesto o director do FICBueu 2015, Manuel Pena, quen tamén explicou que as proxeccións terán lugar de luns a venres, en dobre sesión ás 20.00 e ás 22.00 horas, con entrada de balde. «Cada sesión abrirase cunha curta galega e agardamos que algúns dos directores se acheguen a presentalas», avanzou o director do certame.

O sábado ás 21 horas celebrarase a entrega de premios e, ao remate, a festa de clausura na tapería Rosalinda. Con anterioridade, ás 18.00 horas haberá un encontro con directores galegos e internacionais no pub Aturuxo, promovido pola asociación de realizadores Crea, que será aberto ao público.

O concelleiro de Cultura, Carlos Eirea, foi o encargado de expoñer as accións previas que se levarán a cabo na xornada do 6 de setembro, «buscando abrir o festival a máis espazos e ir introducindo actividades alén das proxeccións», apuntou o edil.

Neste senso, ás 12 horas o profesor e investigador Salvador Castro manterá unha charla arredor das relacións entre cinema e literatura coas persoas que se acheguen ata o Centro Social do Mar. No mesmo domingo, ás 21 horas o Auditorio de Cangas acollerá o visionado dunha escolma de curtas premiadas en anteriores edicións do FICBueu.

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, destacou tamén a importancia do evento:«Trátase dun festival de referencia tanto en calidade en éxito de asistencia».

Comentarios