O festival Osa do Mar quenta os motores de cara á súa terceira edición

O Concello pechará a estrada da costa que conecta Burela con San Cibrao desde o venres á tarde ata o domingo ás oito da mañá
Concerto durante a edición pasada do festival
photo_camera Concerto durante a edición pasada do festival

O festival Osa do Mar cumpre a súa terceira edición con dezanove bandas ao longo de tres días. Durante os días 18, 19 e 20 de agosto, aquelas persoas que se acheguen ao recinto da Marosa en Burela poderán disfrutar de horas de música rock, pop, rap e música electrónica.

Un festival independente, feito con agarimo e coidado por un grupo de xente moza da vila que, sen o apoio de grandes marcas, pretende animar a bisbarra cunha oferta singular, atractiva e de calidade. "Osa do Mar intenta rachar coas súas garras a burbulla festivaleira, arriscar no cartaz e ofrecer algo, polo menos, distinto e sen venderse a grandes marcas e productoras", explican desde a organización do evento.

PROGRAMA. A batería de actividades que encherán Burela durante eses tres días comezará o xoves 18 co Pre-Osa, tres concertos gratuitos para abrir bocas no escenario Nordés, ubicado na terraza do hotel do mesmo nome. Alí, a partir das doce da noite, os grupos Oh!Ayatollah, Tea e o DJ Onnlbn amenizarán a primeira noite.

O venres 19 comezarán as actividades programadas coa Osa BMX, unha competición de BMX desde as seis ás oito da tarde na praia da Marosa. O recinto do festival acollerá ese día a partir das dez da noite ás seis bandas que inauguran os días fortes do festival. Abrirán Agoraphobia e seguiranlles Bala, Mujeres, Cuello, Bravo Fisher! e Onnlbn.


"Todos estamos a procurar que sexa un bo festival, ben organizado para que seaxa unha referencia clara na Mariña", apuntou Llano


O prato forte do festival chegará o sábado 20 xa desde as doce e media da mañá coa Sesión Bearmú, un percorrido polas terrazas do Traste, da cervexería Kiko e do Boas Migas da man dos grupos Nave Nodriza, Fogbound e White Bats, respectivamente.

Á tarde a festa continuará nos arredores da praia da Marosa co Osa BMX a partir das seis e media da tarde, oito e media para nivel pro, e cos Marosiños, un fato de actividades infantís con obradoiros, xogos e música desde as cinco e media ata as oito e media da tarde. Durante toda a tarde tamén haberá unha exposición de fixies e vehículos clásicos nos arredores do paseo marítimo.

Ás seis e media no escenario instalado na praia da Marosa os grupos Electric Feels e Pega Monstro serán o aperitivo musical para a noite, cando a partir das dez da noite farán acto de presenza no escenario Malandrómeda, Biznaga, Familia Caamagno, Guerrera, C. Tangana, Joe Crepúsculo.

Aquelas persoas que queiran asistir a este espectáculo de música en directo poden adquirir o seu bono anticipado para os dous días por 15 euros, gastos de xestión incluidos. Por outra banda e tamén dentro da venda anticipada, as entradas para un día custarán a 10 euros. Poden ser mercadas no sitio web do festival, na páxina de Facebook ou nos puntos de venda físicos en Burela: o restaurante Mis en Plas, o bar Vista Alegre e o bar Traste.

Durante o festival, os asistentes tamén poderán conseguir a súa entrada na billeteira, mais o prezo dos bonos estará a 18 euros e o das entradas para cada día a 12 euros.

TRÁFICO. Con motivo de coordinar eficazmente o dispositivo de seguridade e tráfico para o evento, na mañá de martes celebrouse unha reunión na casa do concello da localidade. Alí acudiron integrantes da asociación organizadora, Fanto Fantini, así como efectivos de Protección Civil, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e persoal do Concello. O alcalde burelao, Alfredo Llano, apuntou que "está todo controlado salvo circunstancias menores que se irán arranxando durante estes días previos á celebración do festival".

Durante a xuntanza acordouse cortar ao tráfico os arredores do recinto do festival. "Hai unha zona que se vai cortar para o tráfico na estrada da Deputación de Burela a San Cibrao nas proximidades ao festival desde o venres ás dúas da tarde ata o domingo ás oito da mañá. Tamén imos facilitar que poida acceder alí algún coche necesario como unha ambulancia, Protección Civil ou a Garda Civil", explicou o rexedor burelés tras a xuntanza.

Porén, a organización vai facilitar unha zona ampla de estacionamento nos arredores do campo de fútbol municipal, a tan só uns metros do recinto. "Todos estamos a procurar que sexa un bo festival, ben organizado para que seaxa unha referencia clara na Mariña", apuntou Llano.

Comentarios