Sábado. 16.12.2017 |
El tiempo
Sábado. 16.12.2017
El tiempo

O Festival Galicreques ofrecerá máis de 40 funcións a cargo de 26 compañías

Presentación do Festival Galicreques
Presentación do Festival Galicreques
O festival celebrará entre os días 14 e 22 a súa 22ª edición, convertendo Santiago un ano máis en gran referente para o xénero escénico dos títeres

O Festival Internacional Galicreques celebrará a súa 22ª edición entre o 14 e o 22 de outubro cunha ampla programación con máis de 40 funcións e que contará cun marcado carácter internacional ao traer a Compostela un total de 26 compañías procedentes de Arxentina, Chile, Francia ou Portugal, ademais de formacións galegas e do resto do estado español.

Así o adiantaron este martes en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o director de Galicreques, Jorge Rey, quen destacou durante a súa intervención dúas novidades desta edición. A primeira é a aposta por incorporar un maior número de espectáculos destinados ao público xuvenil co obxectivo de crear novos públicos. A segunda é a inclusión de montaxes que non son de monicreques puros ao combinar o xénero dos bonecos co teatro de actor, a danza ou a música.

Branca Novoneyra salientou a longa colaboración entre o Concello de Santiago e Galicreques, con 22 anos de historia ás costas, e puxo en valor o compromiso do certame coa programación en galego para público infantil con numerosas funcións que teñen sido encadradas no programa Apego pola súa contribución ao fomento e mellora da transmisión do galego como lingua inicial.

Pola súa banda, Jacobo Sutil destacou a colaboración de varias institucións no apoio ao festival e parabenizou o labor de Galicreques na dignificación do xénero e na extensión do seu interese ao público xuvenil e adulto.

O Festival Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, a Axencia das Industrias Culturais (Agadic), o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, inclúe este ano tres estreas absolutas dentro da súa programación.

Deste xeito, a compañía galega Fantoches Baj dará a coñecer o domingo 15 ás 12.30 horas na Fundación SGAE a súa nova montaxe, Os golfiños e o xigante; a compañía madrileña Mazzú Teatro estreará a súa montaxe para público xuvenil Enredos de amor y odio o sábado 21 ás 18.00 horas tamén na Fundación SGAE e Títeres Cachirulo presentará na función inaugural do festival a súa montaxe Bala Perdida, adaptación do texto de Manuel Rivas, o domingo 15 ás 18.00 horas no Teatro Principal.

A programación internacional complétase cun total de sete espectáculos que chegan por primeira vez ao estado español. Así, o público do Galicreques coñecerá en primicia montaxes como Viento, dos arxentinos El Colectivo; Un botón en mi cabeza, dos chilenos Arriba Las Hu!manos; O día que a morte sambou, dos brasileiros Valeria &Habib; Historias con guante, da arxentina El Telón; Le fumiste, do francés Don Davel; Poeta Niña, da arxentina Gabriela González, e Peregrinación, dos portugueses La Fontana-Formas Animadas.

O teatro de títeres galego estará representado por un total de once formacións: Caramuxo Teatro, Larei Lará, Teatro Marionetas Trécola, A xanela do Maxín, Títeres Brincadeira, Danthea Teatro, Títeres Alakrán, Micromina, Fantoches Baj, Cachirulo e Carmen Domech. Todas estas compañías repartirán as súas obras entre o Teatro Principal, a Fundación SGAE e o CSC Santa Marta, as tres sedes que ocupará Galicreques nesta edición.

Pola súa banda, a compañía granadina Etcétera recibirá o próximo sábado 21 de decembro o Premio Galicreques 2017, galardón co que a organización recoñece a traxectoria e o traballo de difusión realizada por esta formación ao longo de 35 anos de vida. Etcétera Títeres recollerá a distinción no Teatro Principal antes do inicio da representación de El alma del pueblo, montaxe que visitará por vez primeira Galicia.

1.200 RAPACES. Galicreques, ademais, reedita neste 2017 o seu compromiso de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres a través da súa ampla programación destinada ao alumnado tanto de colexios coma de institutos, constituída por 15 representacións doutras tantas compañías galegas, estatais e internacionais. As funcións celebraranse principalmente en horario de mañá na Sede da Fundación SGAE, no Teatro Principal e no CSC de Santa Marta, por onde pasarán máis de 1.200 escolares de diferentes centros de ensino.

Entre os espectáculos enmarcados na programación para escolares, destacan obras procedentes de diferentes puntos de España, como son Vuela Pluma, dos murcianos de Periferia Teatro; Mi primer Quijote, dos aragoneses de Teatro Arbolé, ou Macbeth-ya somos el olvido que seremos, dos leoneses Alauda Teatro.

O Festival Galicreques ofrecerá máis de 40 funcións a cargo de 26...
Comentarios