martes. 31.03.2020 |
El tiempo
martes. 31.03.2020
El tiempo

El festival de los cinco fantásticos de Ortigueira

A zona de Morouzos, centro neurálxico da acampada. CABALAR
A zona de Morouzos, centro neurálxico da acampada. CABALAR

Xavier Garrote, Francisco Bermúdez, Álvaro Fernández Polo, Xesús Losada e José María Álvarez. Son os cinco fantásticos de Ortigueira e fanáticos da música tradicional, os pais da que hoxe é a cita co mundo celta máis importante da Península e un referente no estranxeiro.

A idea do Festival de Ortigueira -que dende onte celebra unha nova edición nesta localidade coruñesa- estivo inspirada polo certame francés de Lorient no ano 1978. Por que non facer algo parecido aquí?, pensaron entón aqueles cinco mozos da escola de gaitas local.

Con moi poucos medios e inxente esforzo acadaron reunir naquel primeiro ano preto de 10.000 persoas, unha cifra que co paso do tempo chegouse a multiplicar por dez.

Non foi nada fácil, pero o pobo volcouse facendo de todo e os propios impulsores poñendo algo máis que o traballo, xa que non contaban con ningunha axuda institucional.

Francisco Bermúdez lembra que foron eles quenes montaron un escenario con madeira de eucalipto e catro lámpadas, que Garrote puxo como aval a casa dos pais e Álvaro unha leira da súa avoa. O orzamento foi dun millón das antigas pesetas e a entrada -facíase nun recinto pechado- de cen.

«Faciámolo todo nós. Ademais do escenario puxemos as sillas, montamos uns bancos de madeira. Faciamos as comidas para os artistas, limpábamos... Eu ata un día tiven que poñerme a dirixir o tráfico na vila porque o Concello non nos quixo axudar en nada. Un que debía ser de Madrid ao verme dixo: ‘Mira, aquí los guardias van vestidos de gaiteros», di Bermúdez entre risas, pero tamén con nostalxia e certa decepción. Porque esta é unha historia con alegrías e frustracións.

SEIS ANOS

Os cinco abandonaron a organización do evento ao sexto ano, no que para Bermúdez «foi unha triste despedida» : máis dun lustro de preocupacións e falta de cartos por parte das institucións. Foi entón cando o Concello de Ortigueira tomou o relevo, «aínda que cando viron no que se estaba a convertir, quixeron levar o festival a unha grande cidade, que non se fixese nunha aldea», asegura.

Para Bermúdez perdeuse o espírito das primeiras edicións e non ve moi claro que a programación atenda ao que el entende como música celta. Non obstante, recoñece que «cada un ten a súa idea», e que aínda que non lle cadren moitas iniciativas actuais, «supoño que se ten que innovar».

E a pesar de amosarse un pouco crítico -asúmeo sen problema-, «por suposto que non vou faltar á festa, ver os concertos e tomar unhas cañas. Isto segue a ser un aliciente para a vila», conclúe.

Un dos seus compañeiros nesta aventura é Álvaro Fernández Polo, que bromea con que xa case nin se acorda de todo aquel impulso, daquel proxecto que cambiaría Ortigueira para sempre.

Si que ten un sentimento dunha experiencia que califica de costosa pero «moi entrañable». «Pero claro, canto tes 30 anos menos é cando fas este tipo de cousas», engade.

«Agora é máis grande en tamaño, máis institucional, con máis presuposto. Antes eramos casi que catro paisanos sen subvencións que ata tivemos que pedir préstamos aos bancos», di, para facer posible aquel sono.

No seu discurso aparace tamén o termo celta como algo que, alomenos, «deixou de ser tan tradicional». «Pero tamén se durante trinta anos estás facendo o mesmo sería moi monótono. Isto adaptouse aos tempos, no que é un cambio normal».

350.000 EUROS

Este é o presuposto co que conta o Festival de Ortigueira deste ano, organizado polo Concello e co patrocinio da Xunta, do Ministerio de Cultura, e das firmas Estrella Galicia, Gadis, Coca-Cola e Monbus. Uns cartos cos que a localidade encherase de música gracias a catorce bandas de música de todo o mundo nos concertos da noite. Pero a música non para nin polo día. Bandas de gaitas, pasarrúas e outros artistas non perderan nota.

Así o explicou o coordinador da organización do certame, Alberto Balboa, que non quixo dar una cifra concreta das previsións de asistencia.

Destacou a variedade de propostas no programa e a presencia por primeira vez de bandas e artistas como Electric Céilí (Irlanda), Jamie’s Smith Mabon (Gales) ou a Oban Pipe Band de Escocia.

No que se refire ao tema puramente loxístico, Balboa anunciou cambios na zona de acampada, o pinar e a praia de Morouzos, así como na liña de servizo de buses que funcionaba en pasadas edicións dentro da propia vila.

Así, o popular areal destinarase a ser exclusivamente unha zona para o descanso. «Imos quitar as carpas de bares que había antes. Que sexa un sitio para durmir e tamén para ser coidado, xa que se trata dun espazo natural protexido», salientou.

Asimesmo, neste 2012, os festivaleiros terán que coller máis forzas que nunca porque toca camiñar. Debido aos axustes orzamentarios o servizo de buses urbanos gratuítos que comunicaban os principais puntos neurálxicos do festival só funcionará nos momentos álxidos de chegada dos folkies a Ortigueira.

Circularán entre o aparcadoiro oficial e a vila hoxe e mañá, de 16.00 a 23.00 horas.

Os percorridos entre o núcleo urbano -a zona de concertos está na céntrica Alameda- e o contorno natural de Morouzos haberá que facelos a pé.

Como afirmou Balboa, que coordina o certame dende o ano 2009, os termos espírito tradicional e celta son discutibles.

Defende un programa no que «hai grupos de música máis tradicional, onde non faltan as gaitas, pero onde tamén se presentan grupos novedosos. O ano 78 era outra época, incluso empezabamos unha democracia».

Consiga AQUÍ la información completa

El festival de los cinco fantásticos de Ortigueira
Comentarios