O Festival de Jazz de Lugo contará coa traxectoria de Roy Haynes este ano

Roy Haynes (Foto: EP)
photo_camera Roy Haynes (Foto: EP)

O Festival de Jazz de Lugo , sempre atento a que medre o seu historial, anuncia para esta edición a Roy Haynes. A figura elixida para prestixiar a 21ª edición do certame, que se desenvolverá entre o 9 e o 14 de novembro é un lenda capaz de tocar a batería e de facelo cunha enerxía impactante para os seu 86 anos. Ao facer un listado dos músicos cos que tocou daría como resultado unha historia selecta do jazz dende os anos 40: Charlie Parker, Therlonius Monk , Miles Davis, John Coltrane, Stan Getz, Sarah Vaughan, Chick Corea e Diz Gillespie, entre os máis destacados.

A cualidade e a formación de Haynes animaron a Charlie Parker a confiar durante tres anos a percusión do seu grupo a un rapaz de 24. A el non se lle fixo novidade, pois, nacido en 1925, con vinte xa marcaba o ritmo ás ordes de Lester Young. Tras tocar para Parker, botou os seguintes cinco anos por tras de Sarah Vaughan en escenarios dos Estados Unidos. Despois dun tempo de colaboracións con outras figuras, a finais dos 90, formou trío co pianista Danilo Pérez e co baixista John Pattituchi. Nesa altura,en 1988,participou na dirección da banda sonora da película ‘Bird’, a reflexión de Clint Eastwood sobre o seu antigo xefe, Charlie Parker.

O mito verase acompañado no programa deste ano por unha promesa, Abe Rábade, que se vai consolidando na escea europea grazas ao seu último disco, ‘Zigurat’. A falta de confirmación para acomodar unha data, Rábade vai interpretar os temas dese álbum en Lugo, segundo confían os organizadores, a asociación Escobijazz. O pianista compostelán estará acompañado pola formación que estreou co disco: Pablo Martín-Carpintero, contrabaixo, e Bruno Pedroso, batería.

Outro nome procedente dunha tradición tan poderosa como a galega é Dhafer Youssef, nacido en Tunisia en 1967. É un compositor, produtor e intérprete que se alimentou de dúas correntes culturais fortes a través da escola coránica na que estudaba e onde, ás agochadas, escoitaba jazz. En Lugo amosará a mestura resultante co seu laúde.

O peche do festival terá un ton festivo grazas á inclinación cara ao funk dos islandeses Mezzoforte. O representante dos organizadores do festival, Alberto Grandío, adiantou que «van poñer á xente a bailar» nesta actuación dirixida a un público amplo. O sexteto formouse hai trinta anos por uns rapaces e sorprendeu dende o primeiro momento pola súa cualidade e por chegar do frío máis frío.

  • A aposta do ano será Lizz Wright. O certame de Lugo concibe a actuación de Lizz Wrigth como a aposta deste ano, ao ser «unha cantante moi potente, un pouco experimental que encaixa ben co espírito do festival», na apreciación de Alberto Grandío.
  • Billie Holiday. O 11 de xullo de 2002, Wright era outra cantante descoñecida nunha homenaxe a Billie Holiday no Orchestra Hall de Chicago. Vinte e catro horas despois naceu unha estrela grazas ás súas interpretacións.
  • 'Salt’. O seu debut de doce canciónsco álbum: ‘Salt’. Nesa mestura ecléctica de bases do jazz e o pop, con varias composicións propias, Lizz demostra que ten un don único marcado por un fraseado emocionalmente intuitivo.

Comentarios