El Festival de Jazz de Lugo acerca lo mejor de este estilo en 17 actuaciones

O Festival de Jazz de Lugo, que comeza mañá, ten un programa de 17 actuacións que irán pasando pola cidade ata o día 20. O certame musical cumpre o seu vixésimo aniversario cun repertorio de concertos cunha achega importante de homenaxe aos clásicos. Por unha banda, os saxofonistas Joe Lovano e Dave Liebman, lembrarán o seu traballo xunto con John Coltrane interpretando as súas últimas obras; por outra, o contrabaixista Horacio virá acompañado da solidez que representa ter formado parte do Tete Montoliu Trio durante dúas décadas.

A maiores, o propio festival celebrará os seus vinte anos cun chisco á primeira edición, «cando tiñamos moi pouco presuposto e fixemos o programa con varios grupos canarios», como rememoraba onte Alberto Grandío, do colectivo organizador, a asociación Escobijazz.

Grandío apuntou que ese é o motivo de que este ano haxa presenza das illas, coa Big Band de Canarias. Como deferencia, permitiuselles escoller un solista e seleccionaron a Dick Oatts.

Charlín

Outra escolla foi a que realizou Paco Charlín grazas a unha iniciativa da Vicepresidencia da Deputación. José Luis Díaz, de Escobijazz, explicou que se lle permitiu seleccionar músicos entre Europa e Estados Unidos para que o acompañasen, e deu os nomes de Orrin Evans, Walter Smith, Darren Barrett —o único trompetista que gañou un premio Thelonius Monk— e Reggie Quinerly. O vicepresidente provincial, Antón Bao, comentou que a intención do proxecto é poñer en valor os músicos galegos.

A maiores de Lovano, que foi recoñecido este ano como mellor saxofonista, grupo e disco pola crítica de EE.UU. —como sinalou José Luis Díaz, de Escobijazz—, no programa figuran Manu Katché —«un batería extraordinario», segundo Díaz— ou Victor Bailey, ao que Grandío non dubidou en situar na elite dos baixistas.

Estes concertos e os restantes que integran o programa terán un custo que ronda «máis ou menos os 120.000 euros», en estimación de José Luis Díaz. A respecto desta cantidade, o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, reclamou a achega «do 30 por cento» por parte da Xunta.

Os voceiros do Concello, a edil de Cultura, Nuria Mudiña, e da fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez, animaron a valorar o esforzo que representa que unha cidade coas dimensións de Lugo goce ano tras ano, dende hai vinte, dun festival desta categoría.

PROGRAMA.

  • O Festival de Jazz desenvolverase entre mañá e o día 20 no Círculo, fundación Caixa Galicia, Sala Emc2 e o Clavi.

    Día 11
  • 20.00. Sala Emc2 (USC): Fernando Tarrés Quintet

    Día 12
  • 20.00. Sala Emc2 (USC ): Murajazz Big Band

    Día 13
  • 23.30. Club Clavicémbalo: Desbundixie New Orleans

    Día 15
  • 20.00. Auditorio Caixa Galicia: Horacio Fumero.
    21.30. Círculo das Artes: Manú Katché Band
    23.30. Club Clavicémbalo: Jazzeros Inoxidables

    Día 16
  • 20.30. Círculo das Artes: Joe Lovano e Dave Liebman
    23.30. Clavicémbalo: 3 Azoteas

    Día 17
  • 20.30. Círculo das Artes: Paco Charlín.
    23.30. Clavicémbalo: Caribbean Classical Trio

    Día 18
  • 20.30. Círculo das Artes: Big Band Canarias
    23.30. Clavicémbalo: Sofia Vitória e Luís Figueredo.
    24.30. Clavicémbalo: Yul Ballesteros Quartet.

    Día 19
  • 20.30. Círculo das Artes: Victor Bailey
    23.30. Clavicémbalo: Atcheré.

    Día 20
  • 23.30. Clavicémbalo: Atcheré

Comentarios