O Facer País honra a Margarita Ledo, unha muller que "abriu camiño"

A xornalista, profesora e escritora recolleu en Láncara o décimo quinto premio Ramón Piñeiro
Público na entrega do premio Ramón Piñeiro
photo_camera Público na entrega do premio Ramón Piñeiro

"É un referente, unha desas persoas que abriu camiño". Así definiu a deputada autonómica do BNG Olalla Rodil á xornalista, profesora e escritora Margarita Ledo Andión durante a entrega do décimo quinto premio Ramón Piñeiro, Facer País.

Esta autora, natural de Castro de Rei, recibiu este sábado en Carracedo (Láncara) o galardón. A política nacionalista foi a encargada de detallar o labor da premiada. Destacou que foi "a primeira e única muller" que dirixiu un periódico en Galicia, A Nosa Terra. Ademais, forma parte da Real Academia Galega, converténdose "na quinta muller académica". "De novo abrindo camiños". Recordou tamén o seu traballo como escritora, docente ou no mundo do cinema.

O premio, convocado pola asociación cultural Val de Láncara, quere recoñecer o seu "constante compromiso con Galicia", segundo a acta do galardón, que foi lida por unha representante do colectivo. Tamén subliñou o seu labor "a prol da lingua e cultura galegas". Para o xornalista Xulio Xiz, quen conduciu o acto de entrega, este premio é "un doutorado especial, un sacramento laico que imprime carácter". Destacou que con el se lle recoñece á escritora "o seu traballo de país".


O galardón consistiu en dúas publicacións e unha figura que representaba a Alfonso Rodríguez Castelao


No mesmo sentido manifestouse o tradutor e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa Basilio Losada. Estaba previsto que lle fixera entrega a Margarita Ledo do premio, aínda que non puido asistir e recibiuno de mans de dous integrantes da asociación Val de Láncara, Manuel Fernández Arrojo e Carlos López Sierra. Non obstante, Basilio Losada quixo enviar unha mensaxe á xornalista. "A miña terra tan amada recoñeceu o esforzo dunha persoa que traballa por unha Galicia soñada", afirmou o lancarés, quen foi titor da homenaxeada.

O galardón consistiu en dúas publicacións e unha figura que representaba a Alfonso Rodríguez Castelao, "o noso Óscar", como o definiu Ledo Andión. Durante a súa intervención esta recordou a figura de Ramón Piñeiro, a quen coñeceu nunha misa na honra de Rosalía de Castro en 1970 e a quen entrevistou para A Nosa Terra.

Destacou que o premio "fai de nós galegos e galegas de nación, nación como lugar material e simbólico, como real e desexo e anhelo común".

Despois da entrega tivo lugar unha comida na que participaron máis de cen persoas, aínda que o programa de actos comezou unhas horas antes, coa firma de Margarita Ledo no libro de honra do Concello en presenza de membros da corporación, encabezados polo alcalde, Darío Piñeiro.

Posteriormente visitaron Láncara e a vivenda paterna dos irmáns Fidel e Raúl Castro. Xa en Carracedo, celebrouse a entrega do premio, que tivo lugar no antigo consistorio da localidade a causa da chuvia. Ademais, celebrouse unha ofrenda floral ante o busto de Ramón Piñeiro e actuou o grupo de Val de Láncara.

Comentarios