O éxito do humilde

Para ben ou para mal, os clubs de fútbol son como os bancos; camiñan por outro raíl, viaxan en primeira clase. É como esas empresas que destilan certo toque de glamour e que, en ocasións, poden sortear as estritas leis do mercado. No fútbol, como sociedades encorsetadas que son, acontece un pouco o mesmo. Como me dixo un directivo hai ben pouco, “nestes tempos de crise, aqueles equipos que están saneados teñen moito gañado. Comezan a Liga con moita vantaxe”.

O éxito do CD Lugo é unha boa demostración. O club vén de converterse en sociedade anónima, ten as contas saneadas, non fai despilfarros e, o máis importante, os xogadores cobran puntualmente a final de cada mes. Calidades estas que supoñen todo un oasis no medio dun deserto chamado Segunda División.

Se un futbolista cobra e está motivado polo traballo que realiza, todo é máis sinxelo no plano deportivo. Normalmente os equipos sobredimensionados, os que acaparan débedas millonarias e avanzan por riba das súas posibilidades, cedo ou tarde trasladan eses problemas ao terreo de xogo. Só hai dúas excepcións: o Real Madrid e o Barça. Endebedados ata o pescozo, estes si xogan noutra Liga.

O certo é que o Lugo non deixou de crecer nos últimos cinco anos. Club saneado, estadio remodelado, masa social en constante crecemento... parámetros positivos neste lustro que no plano deportivo tiveron o amparo de Quique Setién: o alquimista deste Lugo. O home que porfiou en ter o balón deixando o patadón para outras épocas. 

Setién é o adestrador de moda na división de prata. Flirteou co Celta, con outros equipos de Primeira; pero o Lugo é agora mesmo a súa segunda casa. Setién creceu con este proxecto e aínda que había dificultades, aínda que ás veces había que adestrar nunha leira, as ganas por mellorar, por facer ben as cousas, en contraste co desaguisado que se vive en Santander co seu Racing –outro claro exemplo da ruína económica levada ao terreo de xogo– fixeron que o adestrador cántabro, comparando as dúas realidades, apostara por seguir en Lugo.
Setién amolda o estilo, aquel que Oltra eloxiou ás agochadas, pero o que ficha as pezas deste dominó é Carlos Mouriz, o director deportivo. Rara vez se equivoca nas fichaxes. Son xogadores con calidade que en Lugo atopan a atmosfera perfecta para triunfar. Equipo humilde, con ganas de mellorar e que paga; a final de mes... paga.

Así é este Lugo que non hai tantos anos malvivía pola Segunda B e agora, sen poder anuncialo aos catro ventos, soña con poder ascender a Primeira. O tempo dirá que acontece, pero por fútbol, pola autoestima que ten o equipo e polo respecto que xa se gañou dos rivais, non descarten que o próximo ano, os grandes, tamén teñan que pasar polo Anxo Carro.

Comentarios