El eterno retorno

Retrato de Michel de Montaigne
photo_camera Retrato de Michel de Montaigne

hai libros aos que é difícil non regresar una e outra vez, nun eterno retorno que non ten nada que ver con Friedrich Nietzsche nin con reminiscencias da relixión hindú. No meu caso mestúranse clásicos (‘O Quixote’, ‘Macbeth’, ‘As viaxes de Gulliver’, a poesía de Quevedo e Paul Celan, en historia as obras de Fernand Braudel) con obras de importancia persoal ou, se se quere, sentimental: ‘El maestro y Margarita’, toda a obra de Thomas Mann, ‘Os tres mosqueteiros’ ou ‘Papillon’, aquel bestseller sobre un preso francés que se fugou ducias de veces do terríbel penal da Guayana Francesa.

Os ‘Ensaios’ de Michel de Montaigne forman parte deste selecto elenco de obras das que non me separo. Na miña biblioteca chegan ata a ter historia editorial. Falamos dunha obra que nos últimos dez anos tivo un trato excepcional, que puiden seguir ben de preto. Un chisco por sentido do deber, comecei a ler a Montaigne na antiga edición de Cátedra, en tres volumes de pequeno formato. Malia que esta fórmula respectaba a publicación e os desexos do autor bordelés, resultaba incómoda, así que en canto puiden merquei a que sacou Acantilado, a mellor ata esta data en español. Baséase na edición canónica en francés (a de Marie de Gournay en 1595), ten unha traducción magnífica e un apartado de notas críticas e eruditas abraiante. Quizais por iso, sendo a mellor, non era a que máis beneficiaba á popularidade do autor, polo excesivo fárrago para o non afeito. A posteriori aínda chegou outra edición: dixital e en francés moderno, xa para padais exquisitos.

A editorial Cátedra fai agora outra tentativa: unha reunión dos tres volumes nun só, cun menor aparato crítico e tapa branda, un formato que permite abaratar o prezo tendo en conta o necesario volume en páxinas da obra. A idea en xeral é boa, malia que penso que non está no aristotélico xusto medio: a total ausencia de notas que aclaren as referencias propias do século XVI ou da Antigüidade clásica fai que un lector estándar non poda pasar da páxina vinte agás que plantexe o asunto coma o seu reto para o ano 2013; por outra banda, bótase de menos algún espazo en branco entre os ensaios. Como lector teimudo, penso que sempre son precisos eses baleiros dentro do libro, aunque só sexan como pousadas nas que os ollos podan descansar.

En canto ao contido... ben, necesitaría un serial para poñelo todo negro sobre branco. A risco de ser acusado de condescendencia cos lectores, vou actuar coma se a meirande parte deles descoñecesen a obra. Non creo que sexa algo esaxerado de máis: Montaigne aparece sempre na lista universal de mellores escritores e é o pai das letras francesas xunto a Moliere e Proust, pero en España é moi pouco lido.

O primeiro trono que pode reclamar o que fora alcalde de Burdeos é o da mesma creación do xénero. Denantes de Montaigne, o ensaio non existía, nin sequera en nome, que el cuñou. As miscelaneas latinas (Aulo Gelio), medievais (Isidoro de Sevilla) ou renacentistas (Pedro Mexia), continuadas anos despois por un Robert Burton, non poden ser xenericamente asimiladas a estas pezas de filosofía concentrada, nas que a reflexión voa moi por riba das citas eruditas e as ideas preconcebidas, moitas veces procedentes do influínte aristotelismo.

A partires de Montaigne, e chegando a este mesmo humilde crítico xornalístico e literario, todos temos un modelo para o ensaio (máis ou menos) curto. E cando imos a un volume máis longo e diferente, aparece a enorme figura do ensaio dedicado a Raimundo Sabunde, unha apoloxía que fai pensar en qué tería sucedido se o obxecto a estudiar non fose o teólogo barcelonés senón Etienne de la Boetie, o Castor deste Polux, o amigo máis querido, tanto que non hai outros tales na historia dos escritores.

Polo medio, en canto a volume e plantexamento, temos o peche espectacular de ‘Sobre a experiencia’, ensaio que brillantemente Harold Bloom conseguiu demostrar vinculado ás ideas que pola época tamén inspiraban a William Shakespeare, que contaba na súa biblioteca coa traducción ao inglés feita de xeito case inmediato. Un dos meus personaxes preferidos da obra do vate de Stratford, o Caliban da ‘Tempestade’, non existiría moi posibelmente sen o particularísimo ensaio sobre os canibales de Montaigne. E sen Caliban, desaparecería unha das grandes referencias dos estudos culturais e o postcolonialismo victimista literario.

Os ‘Ensaios’ merecerían a pena xa só como documento e testumuño dunha época que naquel intre perecía, a da recuperación da antigüidade grecolatina. Toda a obra está trufada de continuas referencias aos meirandes escritores romanos: Lucano, Virxilio, Horacio, Marcial, Juvenal. Os exemplos vitais son decote tomados de Plutarco, cuxas ‘Vidas paralelas’, por certo, están agardando unha edición como a de Gallimard en francés, que faga certa xustiza. César ou Augusto son os modelos do home de Estado (ao mellor había que ir recuperándoos, á vista de que Barcenas non semella un modelo moi acaído), por riba dos reis medievais. De feito, un xeito un chisco bastardo de facer máis lixeira a lectura é prescindir das continuas referencias poéticas. Non llelo recomendo: e se o fan, fagan votos de relectura coas citas incluídas.

E con todas estas citas e este volume, a lectura de Montaigne segue a ser completamente imprescindíbel.  En primeiro lugar, por aquelo que se chama cultura xeral e que cada día está máis en desuso, con funestos resultados. 'Ensayos completos' de Michel de Montaigne En segundo lugar, porque a filosofía que nos ensina é o destilado do mellor de Grecia, ou alomenos do máis adaptábel despois de que Popper liquidase a Platón (parcialmente alomenos): o epicureísmo, e a súa capacidade para gozar os praceres; e o estoicismo, a capacidade para evitar os empurróns do sufrimento.

Estas liñas filosóficas son aplicadas de xeito pragmático a unha enorme cantidade de temas: dende a diplomacia ata o coidado dos fillos, dende a vida dos caníbales ata as armas dos partos, aqueles que acabaron co triunviro Craso, dende a ociosidade e o arrepentimento ata a memoria, esa perigosa capacidade que cada día proscriben e seguirán proscribindo polo que se ve nas nosas escolas, nas que Montaigne non está presente dende hai séculos.

Ensayos completos

Michel de Montaigne. 1.120 páxinas. 32 euros.

Comentarios