El extraño mundo de las finanzas

ADE1506P74F1.JPG
photo_camera ADE1506P74F1.JPG

a min o de falar mal dos bancos cústame un chisco. Non é que non o merezan, fóra a alma, pero o meu señor pai estivo media vida traballando detrás do mostrador dunha oficina bancaria e eu aprendín nela a contar ou a escribir a máquina, e esas cousas marcan. Era unha oficina de vila, trato persoal, operacións conservadoras, cartos de plástico por primeira vez (imaxino), nada de produtos comerciais, xa non digamos nada semellante a unha preferente. Meu pai traballou anos nun banco e pode saír de viños por toda a rodeada, cousa que non creo que podan facer moitos.

Pero a banca dos oitenta non é a de agora. O concepto «demasiado grande para quebrar» non existía porque as grandes corporacións bancarias e a globalización tampouco existían e Emilio Botín só era un máis entre os banqueiros españois, nin sequera o principal. Quedaba moi lonxe para o cidadán a enxeñería financieira.

'Y la música paró', de Alan Blinder A caída de Lehman Brothers supuxo un cataclismo para a nosa sociedade do que aínda non coñecemos a súa completa dimensión, xa que a crise é unha realidade diaria para moitos e serao durante anos. Estados Unidos, motor de crecemento tantas veces, foi neste caso motor do desastre mundial e das ‘peculiares’ solucións adoptadas para detelo e que non se volva repetir.

Alan Blinder explica en ‘Y la música paró’ cómo puido suceder o colapso do sistema financieiro en teoría máis seguro do mundo. Publica a Editorial Deusto, especializada en asuntos económicos e sempre unha garantía malia certa tendencia xeral a publicar aquilo que tende a defender ao sistema.

Poucas personas hai en Estados Unidos máis capacitadas para explicar estas materias ca Blinder, antigo vicepresidente da Reserva Federal, profesor da universidade de Princeton e asesor económico do presidente Clinton. Aínda por riba, non está para nada carente de dotes literarias e durante máis de cincocentas páxinas é quen de facer que un lector normal non saia correndo.

As súas principais ferramentas son a narración cronolóxica, necesaria nun tema de tanta complexidade e no que os acontecementos só están separados por días ou mesmo horas, e a capacidade para establecer comparacións accesibeis a todos, achegadas á realidade cotiá do noso trato coas entidades bancarias. Uns apoios en color gris con conceptos máis complexos aínda saen da narración para contextualizar.

O relato de Blinder ten ritmo de thriller. Temos un sistema bancario enorme, cheo de produtos lixo e dirixido por persoas de altísimas capacidades. Para os que disfrutamos da historia estadounidense, o asunto recorda á guerra de Vietnam e como nela meteron ao país os que Halberstam chamaba «the best and the brightest», os mellores e os máis brillantes. De súpeto, os máis capacitados para dirixir a economía do xigante americano quedaron espidos e precisaron do poder do contribuínte para evitar un colapso: nada puideron facer para evitalo e sucedeu só en cuestión de días.

A parte máis reflexiva do traballo do autor cae cara o final da obra. Unha vez descrita a pésima situación... como imos saír dela? Que nos agarda? Os seus pensamentos están máis dirixidos a Estados Unidos ca a Europa, non obstante podemos ver os problemas que chegarán do outro lado do Atlántico, centrados nun déficit no presuposto que semella incontrolábel (lembran aquelas guerras estúpidas?) e un futuro moi complexo no que se refire ao sistema sanitario (si, hai seguridade pública en USA cos mesmos problemas cós de aquí).

O mundo das finanzas resulta moi estraño, e máis nun contexto tan convulso e cunha explicación centrada en institucións que o lector europeo adoito non coñece. O risco de que a lectura remate lembrando a certo poema de Celso Emilio sobre os acrónimos esta aí, pero recoméndolles que chimpen por riba del e agora que comeza a haber máis tempo lle dean unha oportunidade a este final da música.

Y la música paró
Alan Blinder
Editorial Deusto
Páginas
608 Precio 22,50€

(Publicado na edición impresa o 21 de xuño de 2014)

Comentarios