O escolante, a escola e outras historias

Non quero ir porque o escolante pégame e a escola cheira que fede», apuña o rapaz nun célebre debuxo de Castelao realizado, como se explica no prólogo do seu álbum Nós, con trazos dun pesimismo que «pode ser libertador cando esperta carraxes e cobizas dunha vida máis limpa». A imaxe da escola como lugar hostil contrasta con calquera das estampas buliciosas e coloristas do inicio do curso no que as nenas e os nenos retoman as súas relacións sociais ao tempo que exhiben mochilas do trinque e outros complementos. Por  fortuna, a figura do mestre que exercía a súa autoridade con despotismo e violencia desapareceu do  imaxinario infantil e tan só queda na memoria escolar —emocional e, talvez por iso, case sempre indelébel— das persoas de maior idade.

A imaxinería da escola, especialmente da escola rural, prendeu con forza na cultura galega, que representou en numerosas ocasións as cicatrices dun ensino humillante, desgaleguizador e afastado da realidade  inmediata do alumnado. Un dos relatos máis coñecidos de Manuel Rivas, ‘A lingua das bolboretas’, plasma esta realidade na memoria do pai de Pardal, quen lle describía «como un tormento, como se lle arrincara as amígdalas coa man, a maneira en que o mestre lles arrincaba a gheada da fala para que non dixeran augha nin ghato nin ghracias». O ensinante autoritario e antigalego ten o seu contrapunto, no relato de Rivas, na figura de don Gregorio, o mestre republicano represaliado que lle ensinou a Pardal que as patacas viñeran de América, os versos de Antonio Machado e a lingua das bolboretas. O personaxe de don Gregorio forma parte tamén doutra imaxinería, neste caso macabra —’A derradeira lección do mestre’—, que atravesa a cultura galega como unha faca polas cunetas pimentelianas adiante e que para algúns, atrincheirados no esquecemento selectivo, é outra historia.

A autoridade na escola foi materia de conversa nestes días nos que tamén se falou de violencia a raíz da agresión por parte dun pai ao director dun colexio de Vallecas. Hai algún tempo que episodios violentos protagonizados polo alumnado, como extorsións, pelexas, malleiras e outras crueldades comezaron a aflorar ante o espanto das familias, do profesorado, dos compañeiros e da sociedade. Sen tratarse de feitos xeneralizados, os brotes de violencia xurdidos nos centros de ensino fan tremer os piares dun sistema que creu erradicar hai tempo a violencia como modelo.

A climatoloxía chama a berros polo outono e o inicio do curso vai transformando coas súas rutinas a paisaxe. Vai alá case un século do debuxo de Castelao. A escola non cheira que fede e o escolante non pega, pero a violencia e a desgaleguización seguen a ennegrecer, como manchas de mofo, as paredes das nosas aulas.

Comentarios