O efecto 'margaritiña'

O deste ano é un deses veráns que obriga a unha chea de persoas a estaren atentas cada día das correspondentes páxinas dos xornais, dos últimos minutos dos informativos de radio e televisión, da altura do voo dalgunhas aves, da deriva e feitura das nubes no serán e de todos cantos signos máis ou menos fiables sirvan para proporcionar algunha referencia para a previsión do tempo meteorolóxico por ver se a cousa muda e comeza a quentar o sol. Falamos, naturalmente, de aquí, de Galicia.

 

Está claro que por moita consulta que se faga e por máis que se lle pregunte ao vello mariñeiro que pasea a súa xubilación polo peirao, todo vai seguir o seu curso natural e choverá cando chova e irá sol cando vaia sol. “Pois eu vin nun sitio de internet, creo que norteamericano, que despois do día dez asentarán os anticiclóns por toda esta banda do Atlántico” E, se cadra, así é. E se non, sempre queda o socorrido -e xeralmente falaz- intento de compensación: “Ya, pero eso de poder dormir con una mantita...” mentres se fai, sen dicila, a firme promesa de non volver pasar nunca máis as vacacións de verán por estas latitudes.

 

Todo isto dispara, como é lóxico, as alarmas dos que teñen negocios de hostalería e as daqueles que aproveitan para alugar a bo prezo apartamentos e vivendas nalgunha liña de praia. E non son poucos deles os que se queixan amargamente da información dos telexornais anunciadores de néboas matinais e chuvias intermitentes insinuando, con máis ou menos indignación, algo semellante a unha confabulación do eixo mediterráneo que, coa axuda declarada de todos os medios de comunicación, pretende levar cara ao levante e o sur aos veraneantes que, de non ser polos servicios meteorolóxicos, andarían por aquí tan contentos e soleados. Moi noso isto de culpar ao resto do universo de canto de malo nos pasa. É moi noso tamén iso de empeñarnos en disimular o que nos é propio para intentar imitar o dos demais, pretendendo facer de Galicia un arremedo da Costa do Sol en lugar de lle botar a imaxinación precisa para que se valore e se saiba vender o moito de bo que aquí hai.

 

Nos arrabaldes do Lugo da miña infancia, as cativas e máis os cativos utilizabamos para isto da previsión do tempo ás margaritiñas, eses coleópteros de élitros vermellos ou marelos con sete pintiñas negras, ás que pousabamos no dorso da man para cantarlles: «Margaritiña, margaritón, dille a teu pai se mañá vai sol» Se o insecto erguía o voo era que si e nós quedabamos convencidos, por máis que o método non fose demasiado científico e mesmo que, por veces, un oportuno soprido axudase ao animaliño a se decidir nun determinado sentido.

 

E el sería posible botar man deste sistema para axudar no intento de nos convencer a nós mesmos de que o mellor que podemos facer é negar a nosa situación xeográfica -e calquera outra que nos sexa propia- para que o que vaia a Muxía ou a Viveiro poida crer que onde en realidade está é en Benidorm?

 

E se hai que facer unha enquisa, faise. Para outras cuestións xa se usa. Escollendo, iso si, aos consultados e aínda que sexa preciso soprar máis dunha vez. 

Comentarios