O dono de Chac Mool

Carlos Fuentes. (Foto: AEP)
photo_camera Carlos Fuentes. (Foto: AEP)

Como xa lles teño dito en bastantes ocasións, penso que ata ser un chisco pesado, non estou ultimamente moi inclinado á ficción. Tampouco nos imos poñer catastróficos: a novela non morreu. Simplemente, hai que dar un tempo para que agromen as alfaias que se agochan no medio da broza bestselleriana. Tamén está o compoñente das horas de lectura e o modo de empregalas: a novela require plena atención, en cada páxina, en cada liña. O ensaio, cando se posúe un coñecemento previo, permite a lectura en diagonal e mesmo algunhas perdas de concentración.

Por sorte, para saciar a miña sede de ficción está o conto. E en particular o conto hispanoamericano. A dous metros de min durmen os contos de Cortázar (os meus preferidos, ‘La autopista del sur’ e ‘Todos los fuegos el fuego’, á cabeza), os de Borges (‘Pierre Menard’, ‘Tlon, Uqbar, Orbis Tertius’), os de Rulfo, os de Horacio Quiroga (de infausto recordo persoal) ou os do ‘Negro’ Fontanarrosa, autor menos coñecido pero en verdade xenial, sobre todo nos seus relatos sobre fútbol. E dende esta semana os ‘Cuentos completos’ de Carlos Fuentes, publicados en Fondo de Cultura Económica e que lentamente comezan a chegar a España tras a súa impresión en México en 2013. A globalización funciona, pero en Lugo vai amodiño.

Poucas veces lembro a primeira vez que lin a un dos grandes autores, e isto pásame con Carlos Fuentes. Era eu un rapaz e un daqueles libros a vinte pesos de Alianza era ‘Aura’, que a min me pareceu un conto longo (os límites espaciais dos xéneros son cousa complexa), escuro, opresivo e encantador. Anos despois, cando xa sabía o que era un ‘doppelgänger’, aínda puiden disfrutar máis. Despois viñeron ‘La muerte de Artemio Cruz’ e un fragmento breve de ‘Terra Nostra’, no que descubrín que Fuentes tamén adoraba a Librairie Gallimard, un dos meus lugares preferidos en París.

Pero non coñecín os contos de Carlos Fuentes ata que os estudiei na licenciatura e teño que recoñecer que me sorprenderon gratamente, como penso que sorprenderán aos lectores que aborden esta grosa compilación. E non terán que ir moi lonxe. No seu terceiro conto, con só vinteseis anos, Fuentes gañaba sitio nas antoloxías. Trátase de ‘Chac Mool’ e nel atopamos o mellor do autor: a capacidade para amosar situacións cotiás nas que se introduce un elemento sobrenatural. Isto tamén se pode ver nalgún dos contos máis coñecidos de Cortázar, por exemplo ‘Casa tomada’, e forma parte do que se deu en chamar realismo máxico -etiqueta xenérica e un chisco inexacta- cunha particularidade: a habilidade de Fuentes para introducir asemade un elemento terrorífico, en ocasións mesmo gótico e sanguento. Dende hai dez anos, as estatuas de ídolos mexicanos que chaman ou teñen relación coa auga non son do meu agrado. Por se acaso.

Os diferentes periodos da historia de México aparecen trocados en pantasmas noutros contos, mesturados con referencias á modernidade cinematográfica ou musical (o do jazz e os contadores de contos hispanoamericanos dá para moito). Se leron ao Fuentes máis barroco, tamén atoparán que é un mestre no uso da linguaxe máis tipicamente mexicana e mesmo das falas de ladróns ou maleantes.

Non me queda moito espazo e fun pouco herexe, así que voume poñer. Como lector do xenio mexicano teño a sensación de que a súa imaxinación novelesca decaeu tras ‘Terra Nostra’, publicada en 1975. E non obstante sobreviviu nos contos, en contos como ‘Calixta Brand’, exquisitamente sobrenaturais e ata románticos, escritos na década dos 2000. Pero os anos pasaron e o mestre finou, vai para dous anos xa, sen o premio Nobel que lle caeu a don Mario e ben lle podía ter caído a el. E agora os lectores atopámonos desamparados, porque non existe biblioteca de Babel na que poidamos consultar o que nos quedaría por ler: todos os libros que Carlos Fuentes non escribiu e quixo escribir.

Cuentos completos

Carlos Fuentes

Editorial Fondo de Cultura Económica

Páxinas 944 Prezo 30€

(Texto publicado en la edición impresa de El Progreso el 15 de marzo de 2014)

 

Comentarios