Un dispositivo especial vixiará o Osa do Mar

Efectivos da Garda Civil, da Policía Local e responsábeis da organización do evento acudirán á xuntanza

Os responsábeis de Fanto Fantini, asociación organizadora do festival Osa do Mar, membros da Garda Civil e do seu departamento de Tráfico, así como efectivos da Policía Local e persoal do Concello reúnense este martes para preparar a seguridade do evento. A xuntanza pretende coordinar o dispositivo de tráfico e seguridade que se levantará durante a celebración do evento, programado para os días 18, 19 e 20 deste mes.

Durante a reunión, programada para ser a primeira de varias, discutiranse temas coma os peches de tráfico dalgunhas rúas ou a ubicación dos estacionamentos.

"Hai que preparalo ben para que estea todo organizado e previsto, con seguridade e atractivo para que toda a xente que veña por aquí conte coa mellor organización posible", indicou o alcalde burelao, Alfredo Llano.

O rexedor indicou que este procedemento é o rutinario. "Sempre se fan unha ou dúas xuntanzas antes do festival para que esta nova edición de Osa do Mar saia o mellor posible. Queremos que sexa unha chamada á participación de toda a comarca de A Mariña, tamén de Asturias e de toda Galicia se pode ser".

Ademais, Llano remarcou a importancia de consolidar a cita. "Hai que facer o festival cada vez máis atractivo e cada vez mellor. Eu penso que estamos ás portas de ir conseguindo isto", declarou.

BALANCE. O alcalde aproveitou tamén para facer balance sobre a Feira do Bonito, celebrada na pasada fin de semana no porto do municipio, que atraeu unha grande cantidade de visitas. Tivo palabras de agradecemento para todo o corpo de voluntarios "que traballan para que a Feira do Bonito sempre sexa un éxito".

Por outra banda, tamén fixo un balance positivo da feira Produart, que tivo lugar na nave de redes de venres a domingo. "As ventas mantivéronse como o ano pasado, pero cada vez é máis xente a que se interesa por este tipo de produtos", explicou o tamén presidente da Fundación Expomar.

Comentarios