O diñeiro ten cor

APENAS PRESTAMOS atención ao aspecto físico dos cartos; agora, cando xa andan pola rúa os novos billetes de cinco euros, eu veño de decatarme polo tacto de que teño un na man, case de casualidade, sobre todo porque está feito dun material que semella ser sintético. Polo demais, o deseño e case igual ao anterior, xa que o Banco Central Europeo tenta mudar todos os billetes para facelos máis seguros e duradeiros, pero sen apenas cambiar o aspecto gráfico. Sabe que é un tema sensible. Xa cando se emitiron os primeiros euros, houbo polémica no debate sobre qué figuración incluír. Deseguida se decataron que sería imposible incluír personaxes históricos, pola diferente significación que teñen en cada país (Napoleón, heroe en Francia; agresor en media Europa). Mesmo os artistas quedaron fóra por mor dese cáncer que segue a corroer a unidade continental: as rivalidades ou envexas nacionais. Así quedaron excluídas figuras como Cervantes, Shakespeare ou Dante, pola sinxela razón de que os alemáns ou os suecos tamén quererían a un dos seus escritores.

Postas así as cousas o Banco optou por algo más aséptico, como poñer figuras de arcos e pontes pero, aínda así, que ninguén se esforce en mirar para o antigo ou o novo billete de cinco euros para tratar de ver qué monumento está representado. Non existe; todos os deseños son orixinais dun artista que se inspirou na realidade pero puxo bo coidado de que as súas figuras non parecesen o magnífico Pont du Gard, o Arco de Bará ou a Muralla de Lugo; digamos que se optou pola arte descafeinada para evitar a adrenalina chauvinista. A prensa británica recolle estes días unha pequena polémica porque se filtrou a noticia de que a novelista Jane Austen tería o honor de figurar nos próximos billetes de banco. Probablemente os detractores só a coñecen polas películas baseadas nas súas novelas, o que pode levar ao engano de considerala unha muller de pouca sustancia, apenas preocupada por amoríos que hoxe semellan rancios.

Por iso algúns non a queren nos billetes, e propoñen escritoras máis radicais, como Mary Shelley ou George Eliot. Porén, Austen tamén foi rompedora ao denunciar unha atmosfera social abafante que impoñía ás rapazas e ás súas familias buscar un rápido arranxo matrimonial. Daquela, de non atopar un pretendente con posibles, a muller non tiña futuro na vida, xa que apenas había postos para ela no mercado laboral e as leis outorgaban toda a herdanza familiar aos varóns. Por fortuna, aquela sociedade pequeno-burguesa estaba chamada a desaparecer e a intelixencia de Jane Austen soubo denunciala. Poñela nos novos billetes de dez libras esterlinas sería unha forma de pargarlle.

Comentarios