sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

O diario El Progreso abre a segunda edición do certame Contos de Verán

O diario El Progreso convocou a segunda edición do certame literario Contos de Verán, ao que o ano pasado concorreron medio cento de autores, con obras do máis diverso xénero: dende o noir ou policíaco ata os contos fantásticos ou costumistas.

Todos aqueles que desexen participar nesta nova edición, deberán cumprir as seguintes bases: Os traballos, de temática libre, deberán ser inéditos na súa totalidade e estar escritos en lingua galega segundo a normativa.

A extensión de cada relato non poderá ser inferior aos 3.000 caracteres nin superior aos 4.000, incluídos os espazos.

Os contos elixidos por un xurado designado para o efecto iranse publicando durante os meses de xullo e agosto no xornal El Progreso.

Cada autor ou autora pode presentar cantos contos queira, aínda que só se publicará un, segundo decisión do xurado.

Os participantes deberán enviar os seus orixinais ao enderezo electrónico [email protected] ou por correo postal a rúa Ribadeo, 5, 27002 Lugo. Poderán acompañar os orixinais cunha foto do autor, que será publicada xunto ao relato.

O prazo de admisión de orixinais rematará o 15 de agosto de 2014.

O certame establece dous premios, un primeiro dotado con 1.000 euros e un segundo con 500. Os impostos correspondentes correrán a cargo dos gañadores.

O resultado do certame farase público no próximo mes de novembro de 2014. Ademais, o xurado cualificador estará composto por un xornalista representante de El Progreso e por outras dúas persoas relacionadas co ámbito da literatura galega e do xornalismo. A decisión será inapelable.

Os relatos remitidos por Rubén Gasalla e Ángela Piñeiro Acción resultaron gañadores da primeira edición de Contos de Verán, organizado por El Progreso coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística, que dirixe Valentín García.

Un xurado encabezado polo escritor e presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, e integrado polo subdirector de El Progreso, Tito Diéguez, e os xornalistas Santiago Jaureguizar e Marta Veiga acordou concederlle o primeiro galardón, dotado con 1.000 euros, ao conto titulado ‘Larralde’, e enviado desde Trabada por Rubén Gasalla.

Como curiosidade, o relato de Gasalla foi remitido a El Progreso apenas unha hora e media antes de que rematase o prazo para presentar traballos e foi o derradeiro do medio cento de textos en entrar a concurso.

Asemade, o conto ‘36 céntimos’, composto por Ángela Piñeiro Acción, de Lugo, foi elixido para o segundo premio, que consistiu nunha gratificación de 500 euros.

Naquela ocasión, González Tosar, como voceiro do xurado, destacou do conto de Gasalla ser unha ficción «adscrita ao xenéro negro» que conta cun final explosivo e «inesperado» e que amosa unha «axilidade narrativa próxima ao guion cinematográfico».

Así mesmo, do texto enviado por Ángela Piñeiro Acción louvou a construción da personaxe principal, unha octoxenaria que corre maratóns.

Rubén Gasalla e Ángela Piñeiro Acción foron os gañadores do ano pasado, elixidos entre os case 50 autores que se presentaron

O diario El Progreso abre a segunda edición do certame Contos de Verán
Comentarios