O diaño viste de Mango

As marcas máis exclusivas que exhiben as tendas máis caras nos barrios máis exquisitos das grandes ciudades occidentais fabrícanse no inferno. Alí teñen moi boas razóns: ferocísima competitividade e gañancias do cento por un. O inferno chámase Bangladés ou EPZ, zonas de procesamento de exportación, a galiña dos ovos de ouro para empresarios con barra libre, obreiros sen sindicatos, exencións fiscais… e o soldo mínimo máis baixo do planeta: 3.000 takas ou 30 euros mensuais. No inferno as xornadas laborais son de 54 horas semanas, en naves sen ventilación nin auga potable, sen extintores nin saídas de emerxencia. Nestas condicións non é estraño que cada pouco haxa abondosa colleita de mortos e accidentados que ocupan un pequeno recuncho nos xornais dos países ricos.

Contan os xornais que en Bangladés o diaño viste de Prada, ou de Mango, Bon Marche, Joe Fresh, Primak, El Corte Inglés, Benetton tan irresponsables socialmente, tan incumpridores dos propios códigos de conduta. As multinacionais da moda acoden como voitres planeando sobre a miseria dun dos países máis pobres. O negocio textil é duns 18.000 millóns de euros e un 80% das exportacións que o sitúan como 2º produtor mundial. Os centros manufactureiros a baixo coste aliméntanse de soldos de miseria, de traballo escravo, dunha lexislación laboral laxa, dun nulo respecto polo medio ambiente e gañancias desmesuradas para as empresas. Ata o xigante chinés deslocaliza parte da produción no inferno Bangladesí onde os traballadores semellan formigas cegas ao marxe da lexislación laboral e da protección social. Quéimase unha fábrica e arden centos de traballadores. Colapsa un edificio e morren aplastados máis de mil douscentos obreiros, bos e sacrificados, que coñecen o seu oficio, nun país tan pobre que non pode prescindir nin de lonxe dun sector que aporta máis do 16% do PIB.

Se o diaño non fora o xigantesco negocio que medra vizoso na globalización usufructuada polas multinacionais, na desregulación imposta polos cartos aos gobernos e no desapiadado neoliberalismo económico que sen oposición trunfa no planeta, teriamos que morrer de vergonza diante de escaparates onde atractivos modelos, fermosas modelos exhiben deseños da moda. Canta dor hai en cada puntada?, canta explotación en cada corte de vestido?, cantos soños rotos abrochando cada botón?

Si, a moda trunfa nos cortellos de Satán. A roupa exhibe a pel máis tersa e os corpos máis gloriosos. Os prezos son moi competitivos unha vez descontados os mortos, os queimados, os atrapados entre cascallos. Os diaños que dominan estes negocios sen lei son tipos ben elegantes. Nos armarios do mundo rico, as etiquetas made in Bangladesh reflicten a complicidade coa traxedia que viste de Mango.

Comentarios