O diálogo é un mito

Se a xente vise máis teatro que telexornais sabería que o diálogo é un mito e que, do mesmo xeito que buscamos usar palabras bonitas para cousas feas, usamos a palabra diálogo para denominar o que é a ausencia del. E isto mesmo tamén o demostra o teatro.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HAI ALGÚNS anos, arredor do cambio de década, produciuse en Galicia unha inflación de monólogos. Actrices, actores, directores, dramaturgos, cómicos e moitos personaxes públicos sumáronse e esa moda de monologar que parecía proceder da televisión, pero que no caso galego proviña máis da subsistencia e de certo cutrerío na maneira de programar artes escénicas. Para que contratar compañías con catro intérpretes se con un que actuara se podía cubrir o cartel.

Non todo aquilo foi teatro e aínda hoxe temos que recoñecer que si, que pese a todo o que se diga da sociedade postelevisiva, a televisión segue mandando e o público non consegue afacerse de todo a que alguén saia só a un escenario e non diga algo cómico. A televisión parece esixir un guión no que alguén sae só e di cousas incribles. Por pouco que un espectador atenda, verá que ese guión se repite inmisericorde en todas as canles e fóra delas.

Non todo era teatro e había quen defendía os imprescindibles matices, como Celso Parada, advertindo que el, que subía só a un escenario con tantos personaxes pero en solitario, advertía que facía teatro unipersonal pero non monólogos. Pero non lle fixemos caso suficiente.

O curioso do asunto é que toda es redución de plantillas nos escenarios ata o mínimo de un sucedeu antes de que a crise campase pola sociedade e neste caso non sei se é posible de todo botarlle a culpa a ela. Ao capitalismo si, porque o capitalismo ten a culpa de todo. Como Yoko Ono.

Un monólogo é máis barato que cómodo e quizais por iso nos escenarios tentaron escapar del, pero entre os espectadores esa aparente comodidade de escoitar só unha voz foi prendendo ata converterse nun fenómeno normal. Pero co seus disimulos incluídos.

Calquera espectador de teatro sabe que o importante para unha obra non é o diálogo senón a falta del. Que o teatro vai co conflito e que a falta de entendemento é o principal de todos eles. O teatro leva facendo unha arte da falta de diálogo desde que o mundo ten pinta de selo. Sucede nos escenarios que se todo o mundo se entende ao comezo da función, entón é que no hai obra. E se contra o medio non se entenden, é que vai morrer alguén.

É a falta de diálogo a que enche os teatros e todas esas palabras, palabras, palabras que enchen os textos son unha demostración máis de que falar non é sempre un xeito de entenderse. Que quizais hai unha habilidade en explicalo todo mediante monólogos alternativos e que nisto si que levamos progresado.

Agora se monologa menos sobre os escenarios que hai quince anos. Pero tampouco se pode pedir que no teatro pasen cousas diferentes das que suceden fóra del. E aínda que se abandonase o monólogo, o diálogo segue sendo un mito.

Comentarios