El Día de Galicia

ESTE 25 DE XULLO, Día de Galicia, é unha xornada tan boa como calquera outra para reflexionar sobre o que vai ser de nós, máis cedo que tarde, se non somos capaces de solucionar, ou canto menos paliar, o peor problema colectivo que está a padecer esta terra. Dende hai anos, estamos a sufrir o que algúns deron en chamar un suicidio demográfico. Nacen poucos nenos. Cada vez somos menos e máis vellos. Os nosos dirixentes aseguran que a enfermidade xa está diagnosticada e na fase de tratamento. Non da a impresión, sen embargo, de que esa tendencia vaia a mudar. Non ten por que. Os males contumaces non acostuman a desaparecer da noite para a mañá. Moito menos se non lles pon remedio. Só coa verba dos que gobernan non imos recuperar o pulo xuvenil que precisamos para saír adiante. Fai falla algo más que palabras para ter un futuro. Son necesarios feitos contundentes, cambios sociais profundos. Non chegan a nada campañas puntuais para fomentar a natalidade. Todo axuda, seguramente, pero non é suficiente.

Hai tempo que as administracións son conscientes do problema que nos ven enriba. Alomenos iso é o que nos din. No último lustro, falta o ano no que gobernos de diferente pelaxe non anunciasen medidas para facerlle fronte ao noso particular drama demográfico. Aínda así, o certo é que o resultado desas iniciativas non pode ser máis pobre. O pasado ano, volvíamos ser a comunidade autónoma co peor balance vexetativo. Morreron 10.000 persoas máis das que naceron. Houbo menos defuncións, pero viñeron 1.300 nenos menos ao mundo que no 2012. Seguimos perdendo habitantes. Ademais, pouco a pouco, ímonos facendo máis vellos. Practicamente un cuarto da poboación galega supera os 75 anos. En descargo daqueles que teñen que tomar decisións hai que dicir que a solución non parece, nin é, nada sinxela. Moito menos a curto prazo.

Ese proceso de desertización humana é moito máis acentuado nas zonas rurais do país. Non hai máis que botar unha ollada para decatarse de que pouco a pouco as nosas aldeas van morrendo. Hai xa un par de anos, había en Galicia máis de 3.500 núcleos de poboación sen habitantes ou ao borde da desaparición. Lugo era, xa daquela, a provincia máis afectada, con seiscentos e pico lugares sen xente e outros moitos a piques de quedar tamén baleiros de persoas. Ningún concello lucense, ou moi poucos, se salvan da queima. Ou moito cambia o conto ou o peor está aínda por vir. Ao baixo número de nacementos, súmase outro feito, especialmente acentuado nos últimos tempos. A xente moza está a coller as maletas para buscar fóra as oportunidades que non atopa aquí.

Coas familias asfixiadas polo paro e a crise, miles de mozos están tomando a decisión de buscarse a vida noutros lugares. Xente cualificada, con carreiras universitarias ou formación profesional acreditada, sae da súa casa cara a outros países ou lugares de España na procura dun traballo. Un emprego que recoñeza o esforzo que lles supuxo a súa preparación. Xente que nos deixa e que, no mellor dos casos, non retornará en moitos anos. Non é nada novo. Xa pasou antes. Primeiro marcharon os avós, logo os pais e agora son os fillos os que emprenden camiño. Máis de 4.000 menores de trinta anos saíron da nosa provincia para traballar fóra no último ano. Aínda así, Lugo ten a taxa de paro xuvenil máis alta de Galicia.

Reverter esta situación, darlle a volta como se fose un calcetín, non é posible da noite para a mañá. Non se trata só de cambiar a mentalidade da xente. ‘Depende de ti’, rezaba unha campaña da Xunta para fomentar a natalidade. De ti e de nós, debería dicir. A decisión de ter fillos é dos pais. Non hai dúbida. Agora ben, nesa determinación ten moito que ver a oportunidade de ter un traballo digno e a posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar. Tamén, por que non, a circunstancia de vivir nunha sociedade que non se mire só no curto prazo e lle conceda valor ao feito de que nazan nenos. Queda aínda moito camiño por andar. Ata o vindeiro Día de Galicia.

A pobreza está moi presente

A pobreza está moi presente nesta sociedade. Non hai que mirar demasiado lonxe para atopar a xente que o está a pasar moi mal. Familias enteiras sobreviven a diario co mínimo, ou menos. Un informe de Unicef revelou que 12.000 nenos galegos sofren privacións severas pola crise. A Consellería de Traballo e Benestar tamén alertaba de que sete de cada cen fogares lugueses con menores padecen carencias graves. Apuros para chegar a final de mes coas necesidades básicas cubertas. Calquera pode verse nesa situación.

Comentarios