domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

O día das Letras Galegas, para Lorca

Houbo un tempo no que intentei ler poesía. Baixaba á Biblioteca Provincial de Lugo e collía os libros de señores que eu sentira que eran grandes vates. Miraba uns versiños de aquí e outros de acolá, pero sempre daba en atoparme sen folgos. O Sergas cargou a responsabilidade de ter conta da miña saúde ao doutor Braña. Fun consultarlle e indicoume que as debilidades que eu experimentaba viñan causadas pola lectura de poemas.

Malia esa patoloxía, non deixo de recoñecer a boa poesía nun caso de que sexa tan obvia como a de Luis Pimentel. El, como non traballaba para o Sergas, que non existía na altura, nada sabía das baixadas de tensión que provoca a lírica e non cesaba na lectura e relectura do vascogalo Francis Jammes.

Estes días, preguntando para escribir sobre o medio cento de anos que pasaron dende o pasamento de Pimentel, andei falando con xente que o coñeceu e lle estudou a obra. "Escribía mal en galego, nos seus textos lense palabras como ‘rousas’. Fole, Piñeiro, Fernández de la Vega e outros amigos ocupábanse de corrixirlle os textos; mesmo o traduciron para as edicións das súas obras en galego", dicíame un bo amigo con voz clandestina. "Me gustaría hacer, por encima de todo, teatro gallego, con temas gallegos, en castellano", dicía, sen deterse na contradición, Pimentel a Armesto nunha entrevista publicada en 1956.

Resulta inquietante a lectura do que proclamaba González Alegre en 1959, con ese gozo dos que converten Galicia, galego e literatura galega en termos diverxentes: "Tengo tres cartas de Pimentel, claras, rotundas, terminantes, dispuestas a ofrecerlas a la luz pública cuando hiciere falta, en las que declara que muy pocos versos escribió en gallego porque desconocía el idioma". Ben, tampouco será para poñerse así.

Tras estudar as pezas de Pimentel, Ricardo Carballo Calero determinou que o poeta escribiu algúns poemas en galego, cun léxico que lle foi remedado. A maiores, determina que tivo ata catro tradutores, "e esas traducións foron tidas, polos non avisados, como orixinais".

Lembraba eu, cando me contaban o das ‘rousas’, que se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 1990 a un escritor que non foi alén de facer esforzos por dar algún manuscrito en galego. Sería algo así como dedicarllo a Lorca por aqueles seis poemas tan sonados que disque lle amañou amorosamente Blanco Amor. O primeiro, en Lugo; di Alonso Montero.

O día das Letras Galegas, para Lorca
Comentarios