O Día das Letras Galegas de 2009 estará adicado a Ramón Piñeiro

Entrega do premio <i>Ramón Piñeiro. Facer país</i> do 2005 diante do busto do autor en Láncara (Foto: Pepe Álvez)
photo_camera Entrega do premio Ramón Piñeiro. Facer país do 2005 diante do busto do autor en Láncara (Foto: Pepe Álvez)

O plenario da Real Academia Galega, reunido este sábado en sesión ordinaria, acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro López (Láncara, 1915-Santiago, 1990).

Ramón Piñeiro naceu en Láncara (Lugo) o 31 de maio de 1915 e morreu en Santiago de Compostela o 27 de agosto de 1990. Segundo sinala a RAG, "a dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións".

Os seus traballos sobre pensamento e filosofía, maiormente os dedicados á saudade, así como as súas traducións en colaboración con Celestino Fernández de la Vega das obras de Pokorny e Heidegger, supuxeron no seu momento un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber, superando a súa cualificación como lingua "rural e poética" na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois da posguerra.

O seu labor ensaístico recollido parcialmente nos libros Olladas no futuro, Galicia, a linguaxe e as linguas, e Lembrando a Castelao reflicten os eixes fundamentais do seu pensamento, que salientan a necesidade da reafirmación cultural de Galicia como camiño fundamental para a súa realización como pobo.

O seu labor como promotor da normalización da lingua galega nos anos difíciles da posguerra fica recollido en numeroso artigos e actividades, de entre as que se poderían citar feitos tan sinalados como o da publicación do Diccionario Enciclopédico de Don Eladio González (1958-1961).

Como director literario da Editorial Galaxia, á que se incorporou desde os seus primeiros tempos, contribuíu á publicación de numerosos libros en galego, enchendo este baleiro, coma ningunha outra institución, nos anos anteriores a Transición.

O labor de animación cultural galeguista que tamén desenvolveu Galaxia, a iniciativa de Piñeiro, deu lugar a actividades tan singulares como a colección Grial e posteriormente a Revista Galega de Cultura do mesmo nome, na que se recolle a maioría do traballo ensaístico galego da posguerra. En 1967 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega. O seu discurso levou por título A linguaxe e as linguas.

Consonte a súa defensa da nosa cultura, participou na creación do Consello da Cultura Galega no ano 1983, do que foi o seu primeiro presidente ata o seu pasamento en 1990. E non cabe ignorar o seu intenso influxo na normalización política do galego, facendo a nosa lingua patrimonio común por enriba das opcións de partido.

Finalmente e, non menos importante, foi o seu labor socrático, exemplarizado nas conversas na súa "mesa camilla", na súa intensa e xenerosa correspondencia epistolar dentro e fóra de Galicia, moi en concreto en relación coa xuventude, tanto nos escuros tempos inmediatos á posguerra como, posteriormente, con toda persoa que tivese Galicia como referente das súas actividades ou ideais.

Presenza en Láncara
Aínda que rematou a súa vida en Santiago, o seu concello natal, Láncara, ten moi presente a Ramón Piñeiro, que dá nome ao colexio da vila.

Ademais, Ramón Piñeiro é o nome elixido polas asociacións culturais da comarca de Sarria para os premios Facer País, que se entregan cada ano.

Comentarios