O devalar da idea

Otero Pedrayo e a identidade galega é o título da tradución ao galego do libro orixinal en inglés Galician Cultural Identity in the Works of Ramón Otero Pedrayo, da autoria de Craig Patterson, na actualidade profesor na Universidade de Cardif en Gales. Recensionar unha obra de case catrocentas páxinas e dunha densidade da que dan conta as 576 notas, non ten cabida nunha coluna xornalística, pero si resulta pertinente glosar algúns aspectos deste vasto traballo que ten a súa orixe nunha tese de doutoramento, pero que vai bastante mais aló do esixible nestas tarefas, como moi atinadamente sinala no limiar Derek Flitter. Neste sentido resulta sintomática a mudanza no título da súa versión orixinal á galega, onde aparece a verba devalar: 'unha achega clave á paisaxe como entidade cultural' que é un dos capítulos mais novidosos da obra. O propio Otero di que "hai no galego un fermoso verbo cheo de sentido, de beleza e de saudade: a saudade que contén as outas excelencias; o verbo devalar. Úsase na mariña para certos maiños e potentes movimentos nas ondas". Pero, ao decir de Patterson, Otero homologa as dinámicas da paisaxe coas da historia e vencéllaas co carácter nacional: "cada sazón está inzada de sombras e lembranzas de outras, como tamén da futuridade das vindeiras" di o ourensán, e noutro parágrafo "o devenir, traducción do Werden alemán, o mais fermoso i emocionante verbo filosófico, digno dos gregos. Werden, ‘devalar". E segundo escrebe Craig Patterson, Otero "defende empregar a filosofia bergsoniana para entender cómo a paisaxe e a temporalidade
están vinculadas ao carácter galego, e para definir ese propio carácter".

O libro, por outra banda, introduce a Otero Pedrayo no seu tempo, detense na análise de natureza e paisaxe, a postura perante a língua, o relativo á relixión (o cristianismo superponse aos modelos e símbolos relixiosos previos) e a nacionalidade, un longo e documentado capítulo que sen dúbida se presta a discusión e controversia, ainda que tal posibilidade resulte moi mingoada dado o exquisito cuidado do autor, consecuencia sen dúbida da dedicación e, mesmo, da paixón pola personaxe estudada, nos lindeiros do ‘síndrome de Stendhal’. Patterson conclúe que ve a Otero como un pensador excesivamente condicionado polas súas orixes, a súa fe e a súa formación cultural, pero propón entendelo "como un indemostrable precursor: primeiro porque rexeitou que o clasificasen dentro das correntes ideolóxicas en voga no momento. E, en segundo lugar e sobre todo, porque propugnou e viviu conforme o pragmatismo político e filosófico".

Ainda que o estritamente biográfico non sexa o seu cerne, ao pechar a derradeira páxina deste volume de Craig Patterson agroma na propia memoria un loxano e tórrido dia de 1971 no Espolón da vila de Padrón na que a nosa timideza non foi quen de impedirnos saudar e cumprimentar a D.Ramón e a súa dona, que nos acolleron con aquela requintada cortesía e amabilidade, a mesma que destilan as páxinas de Os camiños da vida e que o vento arrombou.

Comentarios