O descrédito da política

En poucos períodos da historia chegou a ter a cidadanía unha imaxe tan deteriorada do mundo da política. E isto sucede precisamente agora, nunha etapa con democracia formal. Os cidadáns observan escandalizados a sucesión continua de casos de corrupción e que non se combate en serio a crise económica galopante nin o desemprego, senón que máis ben se tentan ocultar. Falla a ética, sempre consubstancial coa boa política. Porén, abundan os políticos profesionalizados e con afán de lucro que se autorrecoñecen sen rubor como clase política, non como burguesía ou clase traballadora, malia procederen dalgunha destas clases. Estes seudotecnócratas da comunicación de masas viven sen maior horizonte que o do seu búnker partidario. Resulta curioso que logo se alporicen porque non os votan os cidadáns, que non os ven como os seus representantes, e que teñen que sufrir soíños as duras inclemencias de viviren na intemperie social.

Os problemas sociais e o conflito de intereses subxacente entre clases sociais e territorios do Estado reformúlanse e redúcense a unha competición bizantina de ataques partidarios cheos de demagoxia e de medias verdades entre os dous grandes partidos estatais, na procura da ocupación temporal do poder executivo. Quizá o filósofo esloveco Zizek diría que tentan despolitizar a política. Encóntrase cómodos co cambio cíclico contante entre eles, da oposición ao goberno e do goberno á oposición, No fondo, aínda que o disimulen ben, necesítanse mutuamente para manter nunha relación dialéctica a inmobilidade conxunta. Os lobbies de Bruxelas coñecen que, agás en pequenos matices, as súas políticas económicas e sociais son neoliberais aumento da privatización e enfraquecemento do estado de benestar. Como tamén se sabe que non están dispostos a aceptar o carácter plurinacional do Estado. Non é de extrañar que o cidadán resuma o panorama, afirmando que todos son iguais.

E se os partidos e coalicións situados á esquerda do PSOE deciden actuar como subalternos del en pactos á baixa, serán arrastrados á súa desaparición, consolidado o sistema bipartidista, ao perderen o seu electorado, frustrado pola política seguida. E a bolsa de abstencionistas medrará, facilitando a chegada ao poder do PP. O PSOE evitaríao pedindo o voto a última hora, acentuando as tintas sobre o carácter ultraconservador dos socialistas e o progresista propio. Mais ese discurso non é real pois eses votos dos abstencionistas e descontentos podería recollelos de principio se tivese un programa elctoral transformador que non decepcionase a millóns de electores. Mais prefire que as cousas sigan así, porque non está disposto a grandes avances que cuestionen dalgún xeito o neoliberalismo e a globalización que defende.

Non só esta estratexia bipartidista desertizadora, coa colaboración inxenua de partidos subalternos, é culpábel do abstencionismo, senón tamén os cidadáns, que no canto de non votar ou votar por unha socialdemocracia desaparecida, terían que facelo, aínda que sexan pequenas, por outras organizacións políticas que pretendan realmente avances democráticos e evitar o desmantelamento do estado de benestar.

Comentarios