El deporte más noble al aire libre

O MEU TÍO JUAN, que era carlista-leninista, marchou convencido á División Azul. Descansaba do sobreesforzo da Guerra Civil no cuartel do Conde Duque, en Madrid. Fartara de atopar espidos e mortos -que diría Mailer- como todos os demais, pero o seu ánimo ergueuse porque quedaban tres inimigos a combater a fusilazos: o marxismo, o ateísmo e a evasión de ouro a Moscú.

Cicerón matiza que «as guerras nas que se loita pola supremacía do Imperio» son xustas, «pero nas que se loita pola gloria debe combaterse con menos dureza». Pero o meu tío non debeu lelo, porque marchou para a fronte rusa cheo de razón e cunha maleta de libros preparatorios do ingreso en Enxeñería Aeronáutica.

Tomábase a Cruzada con tantan seriedade como, segundo leo a Xurxo Ayán, a tomaba Xosé María Díaz Castro. O poeta foi á fronte , pero logo se desencantou. «Unha semana chegoulle para decatarse da realidade do conflito bélico», afirma Ayán.

Despois levárono a un hospital en Pontevedra, onde non se lle ocorreu escribir un ‘Adeus ás armas’ e namorar dunha enfermeira ao xeito de Hemingway. O escritor americano debía de concibir Verdún coma unha marca de vermut e as praias de Normandía coma unha alternativa máis heroica ás de Marrocos nas que se bronceaba Paul Bowles. Deixou escrito que a guerra é «o deporte máis nobre dos que se practican ao aire libre».

Non escoitei a ninguén falando das querencias políticas de Díaz Castro no mes pasado. Nin o primeiro especialista deixouno caer nas Letras Galegas de Guitiriz, onde me bisbaron que Suso de Toro anda incomodado comigo por un Cidade Xardín. O meu tío Juan pasou de ser un ‘boina roja’ requeté ao Partido Socialista Popular. «Eran os únicos intelectuais» -confesume- e o Bloque gaña o PSOE en intelectuais.

Nese acto atopei a Luís González Tosar, ao que saudei cun par de bicos nas meixelas como adoitamos facer os nacidos na xínea de Tolstoi, que contou a crueldade da guerra de Crimea en ‘Relatos de Sebastopol’. Tolstoi defendeu a cidade en 1854 como oficial de artillería. «Non lle abandonou un so instante a sensación do que estaba acontecendo: a espera da morte e do horror», escribiu.

González Tosar é o presidente do Pen Club de Galicia, que responde ás características das entidades culturais de Galicia. Son coma discotecas: un non sabe que facer para que o deixen entrar e ningún socio atopa o momento de saír.

O Pen tocou tambores de guerra para conceder os seus premios Rosalía de Castro. Os galardonados foron Pepetela, que loitou na guerra de independencia angolana, e Kirmen Uribe, que viviu a guerra de independencia vascongada.

Pepetela loitou contra António Lobo Antunes, aínda que dun xeito metafórico. Pepetela estaba na guerrilla do norte tropical de Angola -en Mayombe, que lle dá título a unha novela súa- e Antunes, como soldado nun lugar da chaira meridional, Os Cús de Judas, que tamén aproveitou para titular unha novela. Lobo Antunes ten falado dun tenente seu ao que os outros oficiais insultaban e pegaban patadas, «e todo o que facía era chorar».

Houbo un momento da súa campaña rusa no que o meu tío Juan acabou colapsado de fame e de frío. Atravesou o patio do cuartel de Grigorovo, agachándose porque nevaba, para ir ao cuarto das ferramentas. Armou unha radio de galena como as que se facía de cativo en Burela. Polas noites, baixo as mantas ásperas, evadíase escoitando á Filharmónica de Berlín.

Amancio Prada e Biblos lembran o paso de Lorca por Galicia en 1932

MARCEL PROUST adoptou unha actitude semellante á do meu tío Juan cando lle tocou padecer a guerra. Aproveitou o tempo moribundo na vida social que representaba a Guerra do 14 para corrixir os borradores de ‘Á busca do tempo perdido’. Algunhas noites lle pagaba ao cuarteto Rosé para que lle pasasen pola casa a interpretar a Beethoven na escuridade imposta polos tétricos zeppelin alemáns que sobrevoaban París.

Nunca saberemos se Lorca tería reaccionado con tanta elegancia á crueldade bélica porque llo aforraron dun balazo despiadado en agosto do 36. A editorial Biblos organizou unha serie de actos para rememorar o seu paso polo noso país nun maio de 1932. Hoxe haberá unha lectura de poemas e un concerto de 2na Fronteira.

Desa estadía quedaron seis poemas que aceptamos e presumimos que escribiu en galego. Deberiamos, para tranquilidade de Gloria Lago, aclarar se poeta andaluz padeceu unha imposición lingüística ou se beneficiou dunha tradución amigable.

Amancio Prada retoma a vía lorquianogalega co disco, ‘Federico García Lorca, poeta en Galicia’, no que canta eses poemas.

Nunca a fin dunha guerra colleu os protagonistas fóra do seu cuartel. A Patxi López a rendición de Eta non o colleu en Ajuria Enea, senón nun tren que se dirixía a New York. Comezara o seu mandato lendo ‘Maio’, un poema de Kirmen Uribe.

Ese detalle é louvable nun político por amosar sensibilidade, pero transmite a sensación de que se sentía tan implicado no problema do terrorismo como Proust se interesaba en que París fose capital do novo II Reich.

(Publicado na edición impresa o 31 de maio de 2014)

Comentarios