El decreto no convence

Tras darlle luz verde á norma que regulará o uso do galego no ensino non universitario no Consello da Xunta este xoves, asociacións, sindicatos e partidos da oposicón volveron censurar a política lingüística do Executivo galego. Só dende as asociacións de pais, por diferentes razóns, foi acollida de maneira positiva a norma. Nin sequera Galicia Bilingüe, un dos principais detractores do decreto 124/2007 do bipartito, está conforme. Algunhas asesorías xurídicas dos opositores estudan xa a posibilidade dun recurso xudicial, como a CIG, A Mesa ou o STEG.

  • Quremos Galego: ''A Xunta actúa con prepotencia''

A plataforma cidadá Queremos Galego rexeita o ''decretazo contra o galego'' e considera que foi presentado ''con só unha pequeniña nova capa de maquillaxe'', referíndose así á eliminación da consutla ás familias nas etapas de educación primaria e secundaria. O movemento cívico lamenta que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ''se manteña na súa prepotencia, sen escoitar o clamor social contra a súa política galegófoba'' e chámao a escoitar ás voces que lle reclamaron un cambio nesa liña. Así, subliñan que ''esta política de ataques contra o galego e de confrontación social non pode levar a nada bo para ninguén''.

Desde Queremos Galego sinalan que as liñas xerais sinaladas polo presidente da Xunta para o decreto ''conculcan a Constitución, o Estatuto, a Carta europea das linguas e a Lei de normalización lingüística''. ''Se alguén o dubida, só ten que ler o informe elaborado polo Consello Consultivo, que desautoriza punto por punto todos os piares do decretazo contra o galego'', observan.

  • PSdeG: ''Non hai precedentes dun ataque á lingua desta dimensión''

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, afirmou que o xefe do Goberno galego ''está escribindo un dos episodios máis lamentables que sufriu a lingua galega desde os Reis Católicos''. Para o líder dos socialistas galegos ''non hai precedentes dun ataque sistemático desta dimensión'' á lingua galega.

Vázquez instou ao presidente da Xunta a proceder á anulación do decreto do galego e a retomar ''o camiño do consenso cunha comisión parlamentaria onde os catro alicerces son Constitución, Estatuto, Lei de Normalización e Plan de Normalización''. ''Iso de querer quedar ben é a especialidade deste presidente'', manifestó Vázquez, para añadir que ''á hora da verdade temos un conflito lingüístico que chegou a todo o modelo educativo''.

  • BNG: ''É o primeiro retroceso lexislativo para o galego no ensino na historia da democracia''

Ao BNG tampouco lle saen as contas co decreto de Jesús Vázquez. A portavoz de Ensino da formación frontista, Carme Adán, tacha de ''consumación do primeiro retroceso lexislativo para o galego no ensino na historia da democracia''. Adán cualificou de ''cínica'' a actuación de Feijóo, en referencia á oferta dun pacto pola lingua o 17-M, cando ''tres días despois aproba un decreto que racha todas as pontes para un consenso sobre a lingua, e despois de recibir un dictame do Consello Consultivo demoledor''.

Para avalar a súa opinión, indica que o decreto ''desprotexe o galego en educación infantil, unha etapa fundamental para o aprendizaxe da lingua; límitanse as materias en galego decrétase a utilización do castelán en materias que se imparten en galego, e porque non se garante que o alumnado teña competencias en galego, algo imprescindible para que teñan a liberdade de elixir''.

  • CIG-Ensino: ''Feijóo reinventa o autoritarismo''

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, afirmou que o líder do Executivo galego, ''reinventa o autoritarismo'' porque, ao seu xuízo, actúa ''como os ditadores, ao pretender inventar unha norma para darlle validez legal a algo que non a ten no marco xurídico actual''. Así valorou Louzao a pretensión de Feijóo de promover unha lei que posibilite ter a cobertura legal necesaria para realizar unha consulta aos pais sobre a lingua en primaria e secundaria.

''É un dos días máis negros para o idioma'' apuntou Louzao, xa que opina que se comete ''o maior atentado contra a nosa lingua dende que temos institucións propias''. O líder do aparello sindical no ensino da CIG pensa que a Xunta quere ''eliminar o galego e deixalo como peza de museo'' e critica a ''fobia polo que é noso'' de Feijóo ''para levar adiante o seu proxecto'' baseado nun ''talante antidialogante''. 

Asimesmo, Anxo Louzao chama aos profesores a seguir impartindo as súas aulas en galego porque ''algún lévao facendo dende hai 30 anos'' e pretende que continúen nesa senda ''por un compromiso co seu pobo''. Tamén falou Louzao de ''favorecer ao discriminado e aldraxado'', solicitando unha política de discriminación positiva para o galego no ensino.

  • STEG: ''Estamos indignados polas palabras baleiras de Feijóo''

Dende o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) mostráronse ''preocupados e indignados'' polas ''palabras baleiras'' de Núñez Feijóo nas que se ofrecía a suscribir un pacto pola lingua. Así, o seu responsable de acción sindical, Xosé Cabido, manifestou que, tralas masivas mobilizacións cidadás contra o decreto --a última o pasado luns--, agardaba que a Xunta ''valoraría a paralización'' da norma que ''conta co rexeitamento da sociedade''.

STEG considera ''novidoso'' que fose eliminado algún aspecto no tocante á elección da lingua por parte das familias, algo que, segundo Cabido, foi ''demandado'' en reiteradas ocasións. Asimesmo, avogou por unha discriminación positiva para o galego, pois a Xunta ''comete o erro de tratar por igual o que é desigual''.

  • Estudantado: ''Este paso atrás non lle sairá barato á Xunta''

O responsable dos Comités --o sindicato maioritario de estudantes-- Marcos Loureiro, sinalou que a probación do novo decreto ''supón un paso atrás para o noso idioma que non lle vai saír barato á Xunta''. Loureiro afirma que vén a ''rectificarse a galegofobia do sector do PP ao que pertence Feijóo, ligado a Aznar e á FAES''. Así, considera que o presidente da Xunta ''está a facer méritos de cara a Madrid''.

Loureiro sinala que o titular da Xunta ''ten entre cella e cella acabar coa nosa lingua'' e lembra que o decreto non conta co ''visto bo do Consello Escolar, nin de ningún sindicato do ensino, ademais de ter xerado unha forte mobilización social'', polo que non lle augura moito futuro. ''Que lles aproveite mentres lles dure'', sentenza.

  • Pais: Satisfeitos por diferentes motivos

As asociacións de pais déronlle o seu visto e prace ao texto aprobado pola Xunta. A Confederación Galega de APAS dos centros concertados (CONGAPA) celebra que ''se manteñan os eixos fundamentais da libre elección da lingua en educación infantil''. Para o seu presidente, Jorge Villarino, a eliminación da consulta nas seguintes etapas ''non merece valoración'' pois, ao seu entender, ''non aportaba gran cousa'' a posibilidade de trocar a lingua das materias troncais.

A Confederación Galega de APAS dos centros públicos (CONFAPA) tamén se mostrou satisfeita co texto presentado este xoves, pero por diferentes razóns aos seus homólogos dos concertados. O presidente desta asociación, Virgilio Gantes, aproba que se retirase a consulta en primaria e secuandaria porque ''as familias non poden pasar por enriba dos profesionais''; e, respecto da sondaxe en infantil, gusta que ''só sexa orientativa''. Agardan que deste xeito ''os rapaces dominen os dous idiomas aos 16 anos''. Respecto da posibilidade de modificar leis para cambiar o marco xurídico din que ''ese é outro debate, que lle corresponde ao Hórreo''.

  • Galicia Bilingüe: ''Feijóo é un mentireiro no sentido literal da palabra''

A presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, considera ''terriblemente decepcionante'' o decreto aprobado polo Consello da Xunta. GB lamenta que ''posibilitará a pervivencia da imposición lingüística nos colexios galegos'' e que ''confirma o engano que protagonizou Núñez Feijoo durante a campaña electoral que o levou á presidencia da Xunta''.

Lago está convencia de que este decreto ''causará unha gran frustración entre moitas persoas que creron nas promesas'' de Feijóo e que a decisión do presidente foi ''premeditada'', xa que, ao seu xuízo, ''non ten que ver co errático dictame'' do Consello Consultivo. GB cre que a opinión das familias ''queda condicionada á elaboración dunha hipotética nova lei'' e que no curso que vén ''seguirá sen aplicarse a elección da lingua vehicular''. ''Tras ver o que fixo Feijóo co seu compromiso, a nova lei será un timo'', conclúe Lago.

  • A Mesa: ''Feijóo propón derrogar o establecido na Lei de Normaliación''

A Mesa considera ''moi preocupante'' que o presidente da Xunta, ''en lugar de avanzar no camiño do diálogo e do consenso, botase aínda máis leña ao lume, propondo a aprobación unilateral dunha nova norma que derrogue o estabelecido na Lei de normalización lingüística sobre promoción do galego no ensino''. O presidente da entidade, Carlos Callón, advirte de que ''derrogar a Lei de normalización --que foi aprobada por unanimidade no Parlamento en 1983-- significaría romper un dos alicerces da Autonomía''. Callón achaca esta actitude ao ''sometemento de Feijóo ao que lle din en Madrid''.

O presidente da Mesa considera ''máis que lamentable'' que o titular da Xunta ''continúe na tónica de mentir e crispar''. ''Calquera persoa que lea o informe do Consello Consultivo verá que non só rexeita a pseudoconsulta en infantil, senón que bota por terra todos e cada un dos alicerces do decretazo'' e avalía que ''as liñas xerais que presentou o presidente da Xunta conculcan a Constitución e o Estatuto, porque con esa formulación é inviable garantir que os rapaces e as rapazas finalicen cada etapa educativa con destrezas comunicativas tamén en galego''.

Comentarios