O decrecemento

Vivimos nunha sociedade caracterizada polo consumo. Nunca houbo unha época na historia que dispuxese de tantos bens, que esgotase tanto os limitados recursos naturais e que fixese semellante desfeita do medioambiente. O consumismo, non só se reflicte nos ámbitos económicos, ecolóxicos e sociais, senón que arraigou con forza de dogma no home e na muller actuais, até o punto de se converter nunha especie de relixión global, mais de esencias banais, que dá sentido á súa existencia, garante as súas ganas de vivir e proporciónalles o ceo terreal da abundancia.

Así, mentres os cidadáns dos países desenvolvidos queren seguir aumentando o seu, os dos países pobres arelan a súa incorporación á sociedade de consumo. Como tamén para os patolóxicos compradores compulsivos ou o de produtos suplerfluos, que viven no primeiro mundo, cada adquisición realizada cumpre o papel similar a unha dose de droga, aportándolles a puntual satisfacción do poder da posesión de cousas. Se se chega a un mínimo de sensatez tarde ou cedo comprobarase que é falaz a crenza de que mercando máis e máis se acada a felicidade.

Consumir resulta imprescindíbel, mais o problema é que se carecen duns hábitos intelixentes de consumo, porque non se desenvolveron na familia nin na escola, e a propaganda sistémica actúa en contra. E isto lévanos á presente traxedia económica e ecolóxica, e a desperdiciarmos e hipotecarmos as nosas vidas traballando arreo para gañar máis diñeiro. Traballar e consumir sen cabo é unha tolería, á que nos estimulan os maiores beneficiarios, as grandes corporacións, que, logo da entrega do poder por parte dos políticos neoliberais dereitistas e falsos socialdemócratas, constitúen os verdadeiros e antidemocráticos amos do mundo.

Este crecemento insostíbel e esta vida errada non serían posíbeis se non se impulsase o engano masivo, ao se sentar o cidadán contemporáneo diante da televisión como parvo, sen cuestionar a banalidade dos figurantes, a propaganda política do sistema e o veleno da publicidade comercial. Nin o consumismo é satisfactorio para o planeta nin para o propio ser humano. O consumo debería ser sustentábel, só do necesario e de carácter social. E o traballo tería que ser á vez repartido entre a poboación activa, para que as xornadas sexan curtas e os xornais sexan para todos e todas. Deste xeito aumentaría o tempo de lecer e melloraría a saúde dos neurotizados e estresados traballadores.

Coa nosa forma de consumir podemos influír na marcha da sociedade, da economía e do mundo, mercando produtos de cualidade e ecolóxicos, de empresas que paguen salarios xustos aos seus traballadores e que non se deslocalicen. Con outros hábitos de consumo e laborais, facendo menos uso do crédito e da hipoteca, contribuiremos a conservar o mundo natural, reducir o leviatán do poder económico e político neoliberal, e a incrementar os trazos humanos e democráticos da sociedade. A desgraza da crise económica que padecemos debería ter como efecto colateral a mudanza deses hábitos que destrúen todo, e irmos cara a un decrecemento, cara a unha economía e sociedade sustentábeis, que nos faga saír do baleiro existencial e nos axude a progresar a todos e a todas na dirección dunha vida plena.

Comentarios