O curso de verán da USC en Muras senta as bases para estudar o Castelo de Vilar

Os restos da fortaleza medieval levan anos sepultados pola maleza, polo que o primeiro obxectivo é limpar para logo decidir actuacións
Visita ao lugar onde estaba o Castelo de Vilar
photo_camera Visita ao lugar onde estaba o Castelo de Vilar

O Castro do Castelo de Muras, tal e como se coñece oficialmente, ou o Castelo de Vilar, que é como lle chaman os do lugar, está un pouco máis preto da recuperación da súa memoria, logo de que o curso de verán da USC ‘Arqueoloxía, castros e comunidades rurais’ incluíse o estudo desta fortaleza medieval no programa do seminario.

Se o sábado Emilio Abad, Xulio Carballo e Mikel Díaz presentaban as conclusións da prospección no lugar no que se agochan os restos do castelo a través do modelo LiDar -unha tecnoloxía que se vale do láser para obter unha idea aproximada do que hai nun terreo e que non se apreza á vista-, onte era o momento de visitar o espazo onde se erguía a construción, hoxe oculta tras a maleza.

Foron os propios veciños presentes na visita os que certificaron a existencia do castelo, lembrando que aquel era un lugar de xogos para os nenos hai anos, que era alí onde se facían as merendas pola festa de San Pedro, o patrón de Muras, ou que os pais lles prohibían aos fillos achegarse a un suposto túnel que unía a fortaleza co río, unha construción moi propia das edificiacións medievais, como vía de escape en caso de asedio.

Xa daquela só se conservaban algunhas paredes -suponse que moita da pedra usouse en construcións da zona- que se cre que aínda poden están ocultas entre a maleza, polo que o primeiro obxectivo é limpar a área. "A idea inicial é desbrozar e ver o que se conserva, comprobar que é o que hai e como está e, unha vez feito esto, decidirase cal é a segunda fase, que se pode facer", resume María Martín, codirectora do curso de verán.

Os expertos recoñecen que apenas existen estudos sobre este castelo, que podería terse erixido, como era costume, sobre un asentamento anterior, coma por exemplo un castro, aínda que non existen probas deste feito, polo que sería outro aspecto a estudar.

Os xacementos castrexos foron os que centraron, precisamente, a derradeira xornada das dúas coas que contou o seminario desenvolvido por primeira vez en Muras. O exdirector do Museo do Castro de Viladonga, Felipe Arias, abriu a sesión dominical dando conta do traballo realizado ao redor deste xacemento de Castro de Rei.

A continuación, os asistentes tamén poideron descubrir o labor feito en Castrolandín, nos castros de Neixón, nas Croas de Salcedo, en Saceda (Cuadrelo, Ourense) ou Toiriz, así coma coñecer máis detalles sobre a ferramenta IDEPatri, que permite intercambiar información arqueolóxica a través de internet.

Comentarios