O cumio alimentario

O artigo da semana pasada estaba adicado ao Cumio da FAO que se celebraba en Roma e que estaba orientada aos novos retos provocados na seguridade alimentaria polo cambio climático e a bioenerxía. O resultado foi unha declaración que chegou a uns compromisos certamente de mínimos.

A declaración final recoñece as fraxilidades do sistema alimentario a nivel global cunha situación de urxencia nun grupo amplo de Países non desenvolvidos, moi afectados pola forte elevación dos prezos dos produtos alimentarios básicos.

A fraxilidade alimentaria é evidente. O curso dos mercados internacionais quedou alterado por unhas situacións metereolóxicas anormais en varios Países nos útimos dous anos, que son posiblemente unha manifestación dos problemas ligados ao cambio climático, xunto coa nova demanda para a produción de biocombustibeis e o crecemento no consumo dos Países de economía emerxente. A elevación de prezos resultante foi amplificada pola especulación promovida por fondos de investimentos e polas políticas descoordinadas de numerosos Países para reducir a elevación de prezos dos alimentos nos seus mercados interiores. Esta situación vai incrementar a curto prazo os problemas de fame e malnutrición, que afectan a case un 15% da poboación mundial.

O cumio da FAO revisou a situación xeral da alimentación mundial e enunciou as medidas necesarias para facerlle fronte tanto a curto como a medio e longo prazo. Con todo, na maior parte dos casos quédanse en advertencias ben fundamentadas e en declaracións formais, sendo menores os seus avances reais.

Entre as primeiras sitúanse declaracións tales como que os alimentos non poden ser usados como instrumentos de presión política e económica, a necesidade de avanzar no comercio internacional e de facer fronte aos novos retos derivados do cambio climático.Tamén quedou nunha declaración formal o asunto dos biocombustibeis: có interese por estudos en profundidade que aseguren que a súa produción e uso é sostible e toma en conta as necesidades de alcadar e manter a seguridade alimentaria.

Os avances reais estiveron en dous ámbetos. Dunha parte, nos novos compromisos financeiros para os programas de axuda alimentaria, máis xenerosos por parte de varios Países europeos, entre eles España, que dos Estados Unidos. Doutra, no reforzo dos programas de cooperación cós Países non desenvolvidos para a mellora da súa agricultura, en especial a dos pequenos agricultores, dirixidos ao incremento da súa produción, por medio da provisión de sementes, fertilizantes e outros insumos, así como á mellora da súa integración nos mercados locais e rexionais.

Son pois avances moi pequenos para un problema tan básico como a seguridade na alimentación da poboación mundial.

 

Comentarios