O cuarto concurso de tapas de Muimenta cita a sete locales

A cuarta edición do concurso de tapas de Muimenta, iniciada o pasado sábado e que se prolongará ata o venres, conta coa participación dun total de sete establecementos hosteleiros da localidade, todos eles repetidores neste certame.

Alvariño, Anllo, O Abuelo, O Cabuxo, O Neira, Casa Latino e Tino son os puntos de referencia para os amantes do tapeo durante estes días, nos que poden saborear sete propostas nas que se combinan os produtos chairegos, carnes e verduras ou os sabores do mar cos da terra. Para degustar as tapas, que se serven a un prezo único de 1,50 euros, haberá que visitar os locais no horario fixado para o certame, de 19.00 a 23.00 horas.

«Este certame é moi bonito e moi dinámico, move a moita xente», salienta Pilar Ares Darriba, responsable do café bar Tino, un dos locais máis premiados polas tapas xurdidas da súa cociña. «Sempre comezas con algún recelo, pero ata o de agora todo foi positivo e o concurso sempre foi a mellor, con máis xente en cada convocatoria» engade.

Pilar é consciente do traballo que dá preparar cada tapa, pero cre que se compensa cos halagos que recibiron ata o de agora as tapas dos diferentes locais: «Din que hai nivel e por iso estamos contentos».

«Dá bastante faena», precisa tamén Elisa Yañes, do restaurante Anllo, quen di que nesta ocasión apostou por una tapa «máis sinxela» ante a ampla demanda que esperan a tenor da pasada edición, «así atenderemos mellor a demanda», di.

Miguel Ángel Maseda, do asador O Cabuxo, salienta que este concurso, malia a necesidade de imaxinación para deseñar a tapa e ó incremento do traballo na cociña, merece a pena porque lle dá «alegría ó pobo». Por iso, cre que a iniciativa debe ter continuidade e non só iso, senón tamén presentar novidades «para manter a expectación».

«O ano pasado houbo moita xente, mesmo xente de fóra a que non coñecías», explica Cristina López, do restaurante Alvariño, quen sinala que o máis importante non son os premios senón o movemento que xera, unha idea que comparte Ángel Rodríguez, de Casa Latino: «O concurso é moi interesante porque ten concurrencia, motiva para saír tomar uns viños e sabes que vai haber ambiente».

«Dá traballo, pero merece a pena», indica Ana María Rodríguez, do Neira, quen espera que a duración deste ano, con dous días máis que nas anteriores convocarias, sirva para atraer aínda a máis xente. E, nunha palabra, resume Miguel Saavedra, do Abuelo, a súa visión do concurso de tapas de Muimenta: «Excelente».

Premios

Un xurado, que visitará por separado e sen avisar ós locais participantes, e o público, designarán cadansúa tapa favorita. Así nesta cuarta edición só se otorgarán dous premios, un á mellor tapa do xurado e outro a do público.

Os clientes, a súa vez, tamén optarán a dous agasallos pola súa colaboración co certame. Así, entre todos os votos emitidos sortearase un vale de 400 euros e, ademais, entre todos aqueles que completasen a ruta do tapeo, pasando polos sete locais participantes, rifarase outro premio de 400 euros en metálico.

O Cabuxo: Crema de champiñóns

Pementos de Padrón, pementos vermellos, bolas de pataca asadas e cabuxo son os ingredientes do Cabuxo en crema de champiñons do asador O’Cabuxo, que conta ademais coa súa presentación, nun prato de madeira coa forma do logo do local, como valor engadido.

Anllo: Mar e montaña

Mar e montaña é o nome elexido polos responsables do restaurante Anllo de Muimenta para a tapa deseñada para o concurso, unha proposta que inclúe dous ingredientes básicos: polo e langostino. Ademais, e para que gañe en sabor, a receita inclue tamén tomate, cebola e fariña para sofritir ó polo.

Casa Latino: Cordeiro con patacas á festa

Cordeiro de Casa Latino con patacas á festa da Terra Chá e ensalada é como bautizaron os responsables do restaurante Casa Latino á súa tapa, elaborada con produtos caseiros e autóctonos, confirmando así a súa aposta polas tapas tradicionais e próximas á cociña rural. Ademais, a leituga empregada é da horta do propio establecemento.

Tino: Terra mar

Terra mar é o nome ideado pola autora da tapa do café bar Tino de Muimenta para unha proposta gastronómica que leva produtos do mar, coma a vieira, o mexillón e o langostino, xunto con outros sacados da terra coma os grelos e a cebola. Ata o momento, este local sempre se fixo con algún dos premios en xogo nas tres edicións anteriores do certame.

O Neira: Tenreira con pisto

O café bar O Neira optou nesta cuarta edición por unha tapa denominada Flamenquines de ternera con pisto de verduras, composta por un roliño de xamón, queixo e tenreira rebozado na sartén e servido con pisto de verduras e salsa de queixo.

 

Alvariño: Carne rechea

O café bar Alvariño opta ó que se convertería no seu primeiro premio neste certame de tapas da localidade de Muimenta cunha proposta gastronómica que combina unha mestura de carne de tenreira e porco, rechea con cenoria, pemento e ovo, acompañado de patacas, pan, tomate, ensalada e unha tosta.

O Abuelo: Boliñas de queixo

As Boliñas de queixo de cabra con mel, marmelo e cebola caramelizada son a proposta gastronómica xurdida na cociña do café bar O Abuelo para repetir o éxito de anteriores convocatorias e acadar un dos dous premios en xogo neste concurso de tapas.

Comentarios