O coruñesismo

É de sentido común que a todo cidadán ou cidadá lle interese que o seu concello non sexa discriminado e sexa ben tratado polas institucións autonómicas e estatais. Todo o que sexa favorecer a determinadas localidades en detrimento doutras representa unha evidente inxustiza dos orzamentos públicos. Moi distinto é que se esqueza por parte dun poder municipal, como tantas veces sucedeu na política galega, a necesaria visión de conxunto, a pertenza a unha comunidade superior, evitando o malgasto da duplicación do mesmo tipo de infraestructuras, por pescar votos en caladoiros de cidadáns cheos de prexuízos, faltos de información e sometidos a constantes e históricas manipulacións.

Na política municipal coruñesa o localismo estivo moi presente nos últimos  anos. A chegada do caudillo Paco Vázquez á alcaldía supuxo unha exacerbación nas mensaxes e prácticas. Na súa ambiciosa e fantasiosa mente bulía a idea de converter á urbe herculina nun Xibraltar dentro da Galiza, nun paraíso inmobiliario, nunha cidade-estado con leis e normas propias, de costas ao resto do País. Compría afastala, establecendo como modelo superestructural ideolóxico o do pailán provinciano, tardofranquista, antigalego, novo rico e de escasa bagaxe cultural. Este tipo humano tan singular caracterizaríase no estético e formal pola súa presenza reiterativa durante  todas as estacións do ano con zapatos náuticos e xersei sobre os ombros.

Por se alguén descoñece o que é o coruñesismo, compriría lembrar aquela definición libresca, digna de figurar nunha antoloxía de humor, da autoría do hoxe embaixador no Vaticano: “Coruñesismo: Dícese del amor o apego a la ciudad de La Coruña manifestado en la defensa de sus intereses, conforme a los principios y valores que la definieron como comunidad, la universalidad y el cosmopolitismo, la convivencia y la tolerancia, el liberalismo y el progresismo.”

Poida que alguén de fóra da Coruña se pregunte se existen tantos coruñeses e coruñesas desta clase. Quizá tamén poida plantearse se a maioría dos herculinos e herculinas entendemos que pór o “l” no topónimo é algo prioritario, cando a cidade sofre un grave declive económico e social. Calquera que veña á Coruña vería outra realidade moi distinta, e comprobaría que esta cuestión é produto da política que realizan os  mediocres dirixentes locais que ten o PP e o PSOE, querendo resucitar con moi pouca intelixencia política o vazquismo, por atraeren ao reducido electorado tardofranquista que aínda vive no Ensanche.

Menos coñecido, porén máis determinante, é o coruñesismo dos oligarcas e promotores que deciden todo. Aquel que con recalificacións e informacións privilexiadas converteu aos principais dirixentes locais do PSOE en multimillonarios. Tamén coruñesismo inmobiliario, que pretende ser bisagra cos partidos maioritarios. Coruñesismo entendido como negocio, laissez faire urbanístico e dos hipermercados, que nunca beneficiou á grande masa cidadá e si foi aumentando as diferenzas sociais.

Comentarios