O Corgo gaba o legado dun "bo e xeneroso"

Enrique Casanova foi nomeado a título póstumo Fillo Adoptivo nun pleno no que compañeiros de corporación e veciños loaron o seu traballo polo pobo. En Manán dedicáronlle unha praza
Descubrimento da placa co nome de Casanova na praza de Manán
photo_camera Descubrimento da placa co nome de Casanova na praza de Manán

"Un home bo, xeneroso, íntegro, comprometido... Un amigo". Así resumiu onte a corporación do Corgo, por boca do alcalde, José Antonio Ferreiro, os méritos para ser nomeado Fillo Adoptivo do xa desaparecido Enrique Casanova, que onte se converteu na primeira persoa con esa distinción no concello.

Esas palabras foron un sentimento común entre a xente que ateigou o salón de plenos para seguir o acto no que se oficializou ese recoñecemento a título póstumo. Así, sucedéronse os eloxios dos seus compañeiros do BNG, de concelleiros doutra cor política, de amigos e de veciños, nunhas intervencións que seguiu emocionada e agradecida a súa viúva, Chelo Vázquez, con outros familiares.

Tralas palabras de Ferreiro, quen lamentou que ese traballo "sempre en beneficio do concello" de Casanova "se truncase tristemente hai 15 meses", co seu falecemento, recolleu o testemuño Mario Outeiro, voceiro do BNG, quen recordou, como proba da pegada que deixou o homenaxeado, todos os actos que se lle dedicaron desde aquela, facendo fincapé nos promovidos, con modestia e sen publicidade, por algúns veciños.

Foi Outeiro quen falou máis polo miúdo da traxectoria de Enrique Casanova, Quique para os amigos. Recordou os seus 16 anos de edil do BNG, o seu labor sindical na CIG, o seu traballo de axente forestal e o seu papel decisivo na fundación de Arumes do Corgo e do Centro de Estudos do Corgo.

Tamén falaron concelleiros como Jesús Seijas, do PSOE, quen destacou que "sempre sabías que podías contar con el en iniciativas vantaxosas para o concello"; Javier Vila, de DIC, quen fixo fincape na súa "nobreza", que xa gabara Outeiro, e Marcos Trashorras, do PP, tamén axente forestal, quen destacou a súa "capacidade de liderado", demostrada na extinción duns lumes "que cando el chegaba parecían máis pequenos". Durante o pleno, Chelo Vázquez recibiu do alcalde unha placa como recordo do nomeamento.

HOMENAXE EN MANÁN. A este acto institucional seguiulle outra homenaxe, promovida polos veciños de Manán e ao que se sumou a voceira nacional do BNG, Ana Pontón.

Tras celebrarse unha comida con preto de 200 persoas, descubriuse na praza dese núcleo unha placa co seu novo nome, o do homenaxeado, como agradecemento aos proxectos que sacou adiante en prol dos veciños.

A continuación, logo de intervir representantes das entidades organizadoras, os escritores Toño Núñez e Marica Campos dedicáronlle senllos textos a Enrique Casanova e soou o himno galego como peche dunha xornada que demostrou que o seu legado segue vivo.

Comentarios