viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

O continente negro

Aparece na pequena editorial Barlin La Europa negra, unha síntese que en 1998 lanzou á fama un autor especializado en Grecia e os Balcáns: Mark Mazower

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

MÁIS DUNHA vez téñolles comentado nestas mesmas páxinas o beneficioso que é para a cultura literaria española o que podemos chamar o 'efecto de arrastre' no eido do ensaio escrito por autores internacionais. O proceso é o seguinte: unha serie de editoriais asolagan o mercado con obras que acadaron un grande éxito —normalmente no ámbito anglosaxón—, as súas correspondentes españolas apostan polas traducións e acadan un relativo éxito dadas as súas posibilidades e, unha vez descuberto o filón, as máis pequenas fozan no tema para dar con autores descoñecidos e aproveitar o mar de fondo.

Co gallo do centenario da Primeira Guerra Mundial editáronse en España unha enorme cantidade de obras sobre o conflito e aquilo puxo de moda por asociación os relatos sobre a século XX en Europa. Agora aparece na pequena editorial Barlin La Europa negra, unha síntese que en 1998 lanzou á fama un autor especializado en Grecia e os Balcáns: Mark Mazower. O verbo fozar non é casual nesta ocasión: outra editorial sacou a obra hai case unha década, pero é posíbel que o contexto actual sexa moito máis favorábel.

Non é a primeira vez tampouco que falamos deste tipo de obras nesta columna e agardamos ter que facelo máis. Por exemplo, que eu saiba non está nas librarías españolas a historia do século XX de Richard Vinen. Pero poucas conseguen combinar información, análise e orixinalidade na investigación como a de Mazower, todo nun orixinal que alcanza pouco máis de cincocentas páxinas. Pode semellar excesivo pero garántolles que o esforzo de resumo foi xigantesco.

Unha primeira elección, que pode ser polémica pero resulta acertada na nosa opinión, é a de obviar todo aquilo que ten que ver co bélico. Se procuran vostedes o máis mínimo detalle sobre a Guerra Civil española, as guerras mundiais ou os levantamentos tras o Pano de Aceiro despois de 1945, este non é o seu libro. Mazower expón as situacións que levaron a eses conflitos e despois usa o resumo ou, directamente, resolve o asunto nunhas poucas liñas.

En troques a análise e a orixinalidade resérvanse para os aspectos políticos e, sobre todo, sociais. O século pasado foi escuro no Vello Continente, pero supuxo cando menos o desenvolvemento da liberación da muller, o nacemento dunha extensa clase media e o xurdimento de grandes movementos migratorios que trouxeron a multiculturalidade a cada curruncho europeo. Mazower explica e pon en valor estes fenómenos sen caer na compracencia.

As súas dotes prospectivas resultaron excepcionais. O orixinal inglés publicouse en 1998 e nel xa se advertía de que o Estado de Benestar era unha consecución fugaz, unha concesión dos grupos de interese da clase media e os intelectuais paternalistas e benintencionados posibilitada pola aversión ao risco de todos os estratos sociais, para nada un produto dunha clase traballadora heroica en franco retroceso dende principios dos 60 e duramente golpeada polo neoconservadorismo thatcherista dos 80.

Se algo se pode botar a faltar é unha maior atención á vida cultural na época, fortemente ligada á política ou a económica durante todo o século. Case que todos os intelectuais das xeracións anteriores estiveron vinculados ás tres ideoloxías rivais que entraron en colisión: democracia liberal, comunismo e fascismo. A pesar disto, se buscan un relato do noso pasado breve, orixinal e que os convide a pensar, queden con Mark Mazower e pasen despois a libros que entren en maiores detalles coma os de Hobsbawm, Vinen ou o pope da historia de posguerra, o malfadado Tony Judt.

O continente negro
Comentarios