O concurso Coca Cola premia un relato chairego

Uxía López García, do IES Poeta Díaz Castro, quedou segunda cun conto sobre as redes sociais
Uxía López levouse o segundo premio no certame Coca Cola
photo_camera Uxía López levouse o segundo premio no certame Coca Cola

A oitava edición do Concurso Coca Cola de Novos Talentos destacou, cun meritorio segundo posto, o relato escrito pola alumna Uxía López García, que cursa os seus estudos de segundo da Eso no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.

«Eles dábanche unha frase e ti tiñas que incluíla onde puideras no teu relato», conta Uxía sobre o funcionamento deste certame, mentres explica que a frase en cuestión que tiñan que empregar era: «Aquela sombra desconcertáballe».

Ela decidiu contar unha historia baseada nos perigos das redes sociais. «Falo dunha nena que colgaba todo en internet, ata que lle pasa algo, e dase conta que iso non é bo», conta a moza guitiricense, que levou unha alegría ao coñecer que o seu relato fora premiado.

«Non contaba para nada, aínda que sempre me gustou escribir. Aínda son nova, pero non descarto que de maior poida seguir polo mundo das letras, podería ser unha opción», di Uxía, que foi ata Santiago a polo seu premio.

«Regaláronme un diploma, unha medalla, unha maleta enorme, unha cámara e un libro de astronomía», enumera a moza, moi feliz por ter sido recoñecida entre un total de 300 alumnos de toda Galicia.

Comentarios