O Concello de Xermade inviste 67.000 euros en persoal e maquinaria

Contratará dous peóns e mercará un tractor. Empregará os cartos do Fondo de Compensación

O Concello de Xermade vén de anunciar que investirá arredor de 67.000 euros, que se corresponden coa asignación do Fondo de Compensación Ambiental ao consistorio chairego, en contratar persoal e mercar maquinaria para incluíla no parque móbil municipal.

Así, hai apenas dous días publicáronse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases que rexirán os contratos de dous peóns, que se encargarán fundamentalmente de realizar tarefas de limpeza e desbroce nas vías de titularidade municipal, e que durarán ao redor de seis meses.

"Unha vez publicado no boletín oficial, os aspirantes terán cinco días hábiles para presentar a documentación requerida", explica o rexedor, o socialista Roberto García, ao tempo que indica que o temario no que se baseara ese exame -que terá unha parte teórica e outra práctica- xa se pode consultar na web do Concello -www.xermade.org-, así como outras cuestións relativas a esta oferta de emprego.

García avanzou ademais, con respecto a esta cuestión, que o contrato de traballo destes dous empregados iniciarase o 15 de marzo e prolongarase ata o mesmo día do mes de setembro.

"Entre as tarefas que terán que realizar eses dous peóns contratados polo Concello estarían as de limpar as rutas de sendeirismo do municipio, as distintas áreas recreativas e tamén desbrozar as marxes das vías de titularidade municipal que presenten un peor aspecto", comenta o alcalde, quen explica que todos estes traballos anteriormente realizábaos unha empresa externa, algo que agora se evitará.

Da asignación recibida do Fondo de Compensación Ambiental, os contratos dos peóns levarán só unha pequena parte, "en torno a 16.300 euros", asegura García, mentres que o resto destinarase á compra de maquinaria que pasará a formar parte do parque móbil municipal.

"A nosa intención, xa que se van contratar dúas persoas para facer os traballos, é dispoñer tamén dos medios para poder realizalos. Por iso mercaremos un tractor e unha desbrozadora de man, coa que se limparán esas vías municipais que tanto o precisan, sobre todo para a prevención de incendios de cara aos vindeiros meses", argumenta o alcalde.

Para a compra destas dúas máquinas, o consistorio desembolsará un total de 50.500 euros, que se corresponden co resto da asignación que lle conceden a este municipio chairego.

Comentarios