O Concello de Viveiro xa solicitou a Costas o reforzo do muro e o trasvase de area na praia de Covas

O xefe provincial do organismo provincial reúnese hoxe en Madrid con responsables do ministerio para estudar posibles solucións
Loureiro e Cal cos veciños de Covas na xuntanza sobre a praia
photo_camera Loureiro e Cal cos veciños de Covas na xuntanza sobre a praia

O Concello de Viveiro xa enviou un escrito ao xefe provincial de Costas, José Miguel Estevan Dols, para solicitar dese departamento unha serie de medidas para ataxar a merma que sofre a praia de Covas e os danos que causan as mareas vivas combinadas co mar de fondo no muro do paseo marítimo que separa o areal das casas situadas na primeira liña.

A alcaldesa, María Loureiro, explicou trala xuntanza que mantivo este mércores cos veciños de Covas que o Concello enviou o pasado 28 de marzo a carta na que resume a situación do paseo e a preocupación dos veciños ante o progresivo deterioro da praia. O goberno viveirés reclama, como quedara cos afectados, o reforzo do muro de contención e tamén o trasvase de area dende a parte oriental da praia á occidental, pero tamén que se estuden outras medidas técnicas que interrompan o proceso de degradación actual, que agravan os fortes golpes de mar contra o dique, que segundo os veciños, fan temblar as propias casas, polo que din ter medo.

Estevan Dols viaxa hoxe a Madrid para trasladar aos responsables do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente a inquedanza veciñal, analizar as propostas e as posibilidades para actuar na zona. Loureiro espera que ao longo da vindeira semana podan ter un encontro a tres bandas co xefe provincial e representantes veciñais para saber as alternativas que ofrece o Goberno central e se dan o visto bó ou non á solicitude feita.

Os veciños, que manterán este venres a partires das oito da tarde no centro social de Covas unha nova xuntanza, esperan que os responsables do goberno viveirés, que tamén asistirán, lles podan anticipar xa a resposta de Costas ante as súas demandas, ademais de coñecer os pasos que se están dando na procura dunha solución.

A alcaldesa sinala que os veciños "esperan que Costas faga a obra que considere oportuna para non ter que pasar outro inverno máis en vilo". Os residentes á beira da praia urbana de Viveiro seguen recolendo sinaturas para reclamar axuda. Xa levan máis de 2.000.

Comentarios