Ribadeo facilitaralle aos refuxiados axudas de emerxencia social

O goberno do BNG retoma o servizo de orientación laboral que dera información na etapa anterior a 2.000 persoas, 25% delas estranxeiras
Sonia Meilán
photo_camera Sonia Meilán

Son moitos os ribadenses que acoden ao consistorio preguntando por como se vai organizar a acollida dos refuxiados sirios. Dadas as incertidumes coas que aínda se orienta a Administración neste asunto, poucos son os que dan os seus datos para o rexistro oficial de hóspedes —que se saiba, ata o momento só un veciño—. No último pleno, a concelleira de servizos sociosanitarios, María Sonia Meilán, avanzou que unha vez que veñan e que pasen os seis meses obrigatorios de estadía, "terán os mesmos dereitos que calquera galego, de xeito que se lles pode tramitar a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e a partir de aí, tamén as axudas para un aluguer digno e as que dispón o Concello de emerxencia social".

A moción do BNG en apoio aos refuxiados, principalmente sirios pero en xeral os migrantes que o precisen, obtivo o respaldo unánime da corporación. O alcalde, Fernando Suárez, compartiu cos membros da oposición as súas inquedanzas neste senso, como a manifestada pola edil do Partido Popular, Rosina Tosar.

"Haberá que ver se o Concello conta cos medios axeitados para acoller a estas persoas, porque non poden estar máis de seis meses nun pavillón municipal, cos duros invernos que temos aquí. Hai que estar preparados, tanto para o traslado, como para o acollemento", sinalou Tosar.

O munícipe considerou que efectivamente "non deberán estar máis dun mes nun sitio comunitario porque os nenos deberán escolarizarse e por estabilidade familiar e sobre todo por unha cuestión de vivir con dignidade".

"Tras unha estancia de seis meses, aos refuxiados tamén se lles pode tramitar unha Risga e fondos para o aluguer", avanza Meilán

O rexedor amósase crítico co Estado dende onde lle chegaron a preguntar "a cantas persoas estabamos dispostas a acoller e durante canto tempo, sen que eles aporten máis indicacións". Tamén considerou que no caso sirio, ao tratarse dunha guerra, entende que cando o conflicto remate "moitos quererán voltar".

Segundo os cálculos iniciais, Ribadeo podería acoller a uns 150 refuxiados, seis deles na vivienda tutelada, pero aínda quedan moitos aspectos por concretar.

TRABALLO. Por outra banda, a edil de desenvolvemento local, comercio e turismo, Ana Martínez, anunciou que o Concello vén de reiniciar o servizo de orientación laboral, ao que, na súa etapa anterior, acudiron unhas 2.000 persoas, o 25% delas estranxeiras.

O servizo permaneceu pechado nos últimos meses ao deixar de percibir o Concello —entidade colaboradora da Consellería de Traballo e Benestar— a subvención coa que o mantiña aberto. "Esta é unha iniciativa que pretende prestarlle toda a axuda posible ás persoas desempregadas da comarca, non só de Ribadeo, nuns momentos nos que se están a vivir situacións verdadeiramente dramáticas en canto ao traballo", manifestou Martínez.

O servizo, que axuda a elaborar un cento de currículos, conecta a desempregados e empresas grazas a unha bolsa de traballo que conta con 485 inscritos. Para acudir, hai que solicitar unha cita previa chamando ao teléfono 982.128.650. No periodo anterior tivo 2.000 visitas que pediron información tamén dos certificados de profesionalidade e de cursos de idiomas.

Comentarios