Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

PROXECTOS

O Concello da Pastoriza impulsa a posta en valor do castro de Saa

Traballos no castro e estado actual da escavación
Traballos no castro e estado actual da escavación
Atopáronse os restos dunha vivenda e moito material na primeira escavación

Era un gran descoñecido, pero este ano o Concello da Pastoriza apostou por iniciar as escavacións no castro de Saa co obxectivo de poñelo en valor e dar a coñecer o patrimonio local.

Un equipo de arqueólogos desprazouse en setembro a este xacemento, situado na parroquia de Baltar, e os primeiros resultados superaron as súas expectativas. As potencialidades do castro, segundo as primeiras investigacións, son moitas, xa que este xacemento podería axudar a explicar a secuencia que vai da época castrexa á galaico-romana en Galicia, tal e como defende Emilio Ramil.

O castro, hoxe limpo e coa zona escavada -unha superficie de 48 metros cadrados- resgardada por un balado para evitar posibles danos, xa é un novo reclamo no municipio. Moi próximo a Fonmiñá e con boas vistas á Terra Chá, componse de tres murallas defensivas, cos seus respectivos fosos, un antecastro e a croa.

A súa visita é unha viaxe no tempo, un salto 2.000 anos atrás. E no espazo aberto na terra pódense ver os restos dunha vivenda rectangular, baixo a que emerxe outra muralla, dunha construción anterior, segundo os arqueólogos.

Na actuación, que se prolongou durante un mes, atopáronse entre 2.500 e 3.000 fragmentos de cerámica -a maioría castrexos pero tamén algún material romano-, unha moeda de bronce, unha fusaiola -peza de pedra que se usaba nos antigos teares-, algúns restos de ferro de posibles ferramentas da época e de carbón, posiblemente dun incendio. É moito material que ofrecerá máis datos sobre a datación e a historia deste xacemento, que probablemente estivo habitado uns cen anos.

O Concello da Pastoriza impulsa a posta en valor do castro de Saa
Comentarios