O Concello cervense aprobou iniciar os trámites para as obras de Galdín

O BNG critica que se usen fondos públicos para arranxar unha obra que deixou pendente de acometer unha protomotora inmobiliaria
Alfonso Villares e a concelleira de facenda
photo_camera Alfonso Villares e a concelleira de facenda

O Concello de Cervo celebrou un pleno de carácter extraordinario no que se aprobou a conta xeral correspondente ao ano 2015, que conta cun remanente de tesourería de 1.970.000 euros. Ademais saíu adiante un trámite necesario para executar as obras de mellora na rúa que vai desde Galdín ata o centro de saúde de San Cibrao, feito que o BNG de Cervo critica sinalando que se usen fondos públicos para obras que deixara pendente unha promotora inmobiliaria.

O alcalde cervense, Alfonso Villares, recordou que na sesión "aprobouse a conta xeral do Concello cos seus estados e anexos correspondentes ao exercicio 2015", recordando que "todas as magnitudes están en positivo, cun remanente de tesourería de gastos xerais de 1.970.000 euros; un resultado orzamentario tamén positivo, de 945.000 euros; ademais da estabilidade orzamentaria de 751.000 euros e ademais cúmprese a regra do gasto".

Uns datos que para Villares están claros, pues "o que nos din estas magnitudes é que as contas e a economía do Concello vai por bo camiño". Ademais sinalou que a aprobación das contas era un requisito necesario, xa que debían ser presentadas antes do 1 de outubro, "polo tanto estamos a facer o noso traballo con tempo, como entendemos que temos que facelo".

Na sesión plenaria, os concelleiros aprobaron os trámites para iniciar as obras de mellora da rúa que vai dende Galdín ao ambulatorio de San Cibrao.

ALTERNATIVA. Alfonso Villares sinalou que "estamos a falar dunhas obras que van ser moi importantes para o noso concello e en concreto, para San Cibrao. Trátase de obrar no viario que vai desde Galdín ata o centro de saúde de San Cibrao, que nos vai permitir ter unha vía de entrada máis para a localidade". O rexedor destacou que estas obras podían ser unha alternativa á entrada do tráfico pesado que se dirixe ao polígono industrial de Cuíña. "Non é a entrada principal do polígono, pero si unha alternativa que nos vai vir moi ben. É unha axuda que nos dá a Xunta de Galicia dun total de 660.000 euros", apuntó.

Outro dos puntos a tratar no pleno foi unha transferencia de crédito de diferentes áreas de gasto, por un total de 100.000 euros. Villares dixo que "demos de baixa unhas partidas para dar de alta outras. Son modificacións que tiñan que vir ao pleno e supoñen un cambio respecto ao presuposto que no seu momento aprobamos".

O alcalde sinalou que era a primeira transferencia que fóra a un pleno e que supoñía un 1,5% de modificación con respecto ao que aprobaran nun primeiro momento. "Podemos dicir que o presuposto que aprobamos en decembro foi moi riguroso porque unicamente tivemos que facer esta transferencia de crédito. Tamén demos conta dunhas liñas fundamentais de orzamento para o exercicio 2017, un requisito ao que o Ministerio de Facenda nos obriga".

Ademáis, no pleno tamén se celebrou o sorteo para indicar quen estará nas mesas electorais das elección ao Parlamento de Galicia do 25 de setembro.

CRÍTICAS DO BNG. Pola súa banda o BNG de Cervo criticou que fondos públicos se usen para as melloras na rúa Galdín, un compromiso que aseguraron dende a formación nacionalista, quedara en facer a inmobiliaria Pasillo Verde.

O portavoz nacionalista, Luís Bernando Insua defendeu o seu voto en contra, dicindo que "o diñeiro público vai tapar a indecente xestión do PP, que asinou un convenio de colaboración coa promotora sen avais bancarios para responder no caso de quebra". O Bloque dixo que "a neglixencia do PP fixo que esta promotora deixara debendo ao concello 1,3 millóns de euros, e as obras da urbanización da rúa Galdín pagarémolos todos".

Ademais sinalaron que existen outras prioridades nas que investir, como eliminar a dobre rede de saneamento, ou arranxar o funcionamento da depuradora. De igual xeito, o BNG votou en contra da transferencia de crédito de 100.000 euros asegurando que "están destinados a gastos de propaganda e electoralismo para beneficio do PP".

Comentarios