O Concello asegura que os restos atopados 'reformularán a Historia de Galicia'

"As catas arqueolóxicas reformularán non só a historia desta cidade senón incluso a de Galicia". Así o asegurou hoxe o concelleiro de Obras no concello de Pontevedra, Demetrio Gómez Junquera, ó falar dos achados realizados durante os últimos meses.

"Todo o traballo que levamos feito servirá para profundar na historia de Galicia, no que respecta a cuestións como relacións comerciais, evolución do porto e cultura", sinalou Gómez Junquera, quen destacou a importancia dos restos que confirman a existencia de cementerios en Santa María e San Bartolomé durante aproximadamente 600 anos.

O concelleiro nacionalista referiuse ademais á descuberta dos restos humanos de máis de 30 individuos, de ambos sexos e de diferentes idades, sobre os que se realizarán estudos antropolóxicos que permitirán saber como era a alimentación antigamente.

Finalmente, e respecto ó Museo Efémero que montou o Concello para que os cidadáns puideran seguir a evolución dos achados arqueolóxicos, na Praza de Valentín García Escudero, Demetrio Gómez sinalou que aínda non se decidiu que se fará. "Hai que facer un estudo conxunto entre arqueólogos e arquitectos, para determinar que interesa conservar e se se deixan algunhas cousas ó descuberto na zona onde apareceron", explicou Junquera.

Comentarios