O comercio exterior de produtos alimentarios

AS EXPORTACIÓNS están a ser unha táboa de salvación nestes anos de crise económica, para axudar a compensar parte do descenso nas vendas que carrexou o descenso do consumo interno. Ademais este esforzo por parte das empresas que comezaron a exportar nos últimos anos non só lles está a axudar a atenuar os efectos da crise, senón que tamén lles reportará unha vantaxe para o futuro nunha economía cada vez máis globalizada.

O comercio exterior de produtos alimentarios en España está a ter un bo comportamento nos últimos anos ao superar as exportacións en máis dun 10% ao valor das importacións realizadas. Mesmo nos tres primeiros meses deste ano estas exportacións chegaron a superar as dos automóbiles que foran até agora o principal produto no comercio exterior.

Desgraciadamente a situación de Galicia neste apartado é moi diferente. Segundo o estudo pormenorizado realizado polo Instituto Galego de Estatística para o ano 2005, as exportacións de produtos alimentarios galegos son reducidas, por equivaler a pouco máis da décima parte da nosa produción, e inferiores ao valor dos produtos importados. Ademais o noso comercio co resto de España ten tamén un saldo negativo. Estes datos poden ser contraditorios coa imaxe de Galicia como unha potencia alimentaria en España; pero esta é a situación a que nos levou o desaproveitamento de boa parte das terras que actualmente están abandonadas e o reducido
desenvolvemento da nosa industria alimentaria, coa única excepción da do peixe.

E tampouco mellorou nos últimos anos. Aínda tendo en conta as limitacións existentes nos datos do comercio exterior na escala rexional, porque non sempre reflicten ben estes fluxos comerciais, as exportacións de produtos alimentarios de Galicia seguen sendo uns 10% inferiores ao valor das importacións. Nos produtos ligados á agricultura o saldo tan só é claramente favorable nas carnes e é baixo nos produtos lácteos, mentres que está lastrado polas elevadas importacións de cereais e pensos para a gandaría.

O desenvolvemento da agricultura e da industria alimentaria non é só un asunto fundamental para a economía das zonas rurais, senón tamén para o conxunto da nosa economía. As limitacións ás que se enfrontan as explotacións pola subida dos custos e a súa baixa dotación en terras afectan directamente á súa viabilidade e indirectamente á economía rural e á industria alimentaria. A reducida xeración de valor obtida polos nosos produtos alimentarios, tal como pono de manifesto o comportamento do noso comercio externo, debera servir para sinalar as prioridades e as oportunidades de xeración de valor e emprego para o futuro da nosa economía.

Comentarios