O clima na ONU

Soamente Xapón e China amosaron un discurso realmente innovador no cumio que a ONU dedicou a pasada semana ao cambio climático, preludio da decisiva reunión de Copenhague de finais de ano. O liderado asiático fronte á retórica occidental cargada de boas palabras quedou de manifesto, tamén neste plano, por primeira vez.

Tanto o presidente Hu Jintao como o primeiro ministro xaponés Yukio Hatoyama demostraron vontade política para pasar das palabras á acción, especialmente no primeiro caso, lastrado pola tradicional esixencia previa de transferencia de tecnoloxías dos países desenvolvidos e de fixación de responsabilidades compartidas pero diferenciadas.

Obama, mirando ao pasado, tivo o valor de recoñecer que as nacións industriais de Occidente son os maiores responsables da situación actual do clima, pero faltoulle dar o paso seguinte para asumir un liderado efectivo e potente a prol da implementación de medidas políticas eficaces.

Pola contra, Xapón e China, que figuran entre os maiores emisores dos gases invernadoiro, falaron de metas obrigatorias en numerosos ámbitos, con cifras concretas tanto de redución de emisións como de intensidade enerxética, comprometéndose a reducir, no caso chinés, as emisións de dióxido de carbono por unidade de produto interno bruto.

O carbón segue nutrindo o 70% das necesidades enerxéticas de China. Pola súa banda, Hatoyama non defraudou as expectativas desta tamén a súa primeira intervención na tribuna da ONU.

Pese ás inevitables imprecisións discursivas e á espera do que de si dea a negociación con EEUU, a Unión Europea, Rusia e India, que lle seguen como nacións máis contaminantes, tanto China como Xapón deron sinais claras de vontade para asumir responsabilidades explícitas en materia de redución de emisións, un xesto que envía unha mensaxe contundente á comunidade internacional a menos de 100 días da conferencia que debe celebrarse na capital danesa e que todos consideran crucial para encarar o cambio climático.

A urxencia deste problema non admite demoras e todos os países deberían comprometerse a garantir o éxito da reunión de Copenhague. Sobran escusas.

Comentarios