O ciclo de cinema galego exhibirá na vila unha ducia de filmes premiados

Directores e produtores participarán en charlas e mesas redondas na casa da cultura sarriá
Fotograma do filme de non ficción ‘'Arraianos’'
photo_camera Fotograma do filme de non ficción ‘'Arraianos’'

A primeira Escolma de Cinema Galego en Sarria, que se celebrará entre os vindeiros días 26 e 28 na casa da cultura, achegará ata a vila unha ducia de filmes premiados en varios festivais. As proxeccións, de entrada gratuíta, completaranse con charlas e mesas redondas coa participación dos directores e produtores, moderadas polo crítico e colaborador de El Progreso, Grial Parga.

O ciclo de cine, organizado polas áreas de cultura do Concello de Sarria e da Deputación Provincial, comezará o día 26 cunha xornada adicada ás curtametraxes. Así, exhibiranse as cintas de Sonia Méndez ‘As damas negras’ e ‘Conversa cunha muller morta’, xunto con ‘Ser e voltar’ e ‘Eco’ do lugués Xacio Baño, e ‘Proba de axilidade’, de Jaione Camborda, quen tamén amosará un traballo en proceso.

Unha vez rematada a proxección, os directores analizarán as pezas, nunha conversa aberta tamén ao público asistente.

O día 27 será a quenda dos filmes de non ficción, con catro exemplos "imprescindibles para coñecer o que está pasando no cinema galego máis vangardista", segundo sinalan os organizadores. Trátase de ‘París#1’, obra na que Oliver Laxe narra a experiencia cinematográfica dun grupo de amigos en Galicia; ‘Costa da Morte’, de Lois Patiño, galardoada nunha ducia de festivais internacionais; ‘Verengo’, de Víctor Hugo Seoane; e ‘Arrainos’, unha película na que Eloy Enciso (natural de Meira) recolle as vidas dos habitantes dun pequeno pobo perdido entre os montes de Galicia e Portugal.

Sumaranse nese xornada de sábado os produtores Felipe Lage e Beli Martínez para analizar, xunto con varios directores, as claves do Novo Cinema Galego.

A Escolma pechará o día 28 con dúas longametraxes de ficción, ‘Las altas presiones’, de Ángel Santos, e ‘Encallados’, de Alfonso Zarauza, directores que tamén estarán en Sarria para falar sobre cine de ficción periférico con Jaione Camborda e Alberte Branco.

Este último, coordinador da mostra, confía en que a selección realizada «dea boa conta da cantidade e calidade dos produtos audiovisuais galegos». De feito, as pezas que se poderán ver en Sarria contan, entre outras distincións, con varios premios Mestre Mateo e Nuevas Olas, ademais de recoñecementos en festivais coma os de Cans, Tui, Noia ou Curtocircuito, xunto con mencións e premios en certames internacionais.

Esta primeira Escolma de Cinema Galego nace coa aspiración de converterse nunha cita fixa no calendario cultural de Sarria.

Comentarios