A primeira Escolma de Cinema Galego en Sarria, que se celebrará entre os vindeiros días 26 e 28 na casa da cultura, achegará ata a vila unha ducia de filmes premiados en varios festivais. As proxeccións, de entrada gratuíta, completaranse con charlas e mesas redondas coa participación dos directores e produtores, moderadas polo crítico e colaborador de El Progreso, Grial Parga.
O ciclo de cine, organizado polas áreas de cultura do Concello de Sarria e da Deputación Provincial, comezará o día 26 cunha xornada adicada ás curtametraxes. Así, exhibiranse as cintas de Sonia Méndez As damas negras e Conversa cunha muller morta, xunto con Ser e voltar e Eco do lugués Xacio Baño, e Proba de axilidade, de Jaione Camborda, quen tamén amosará un traballo en proceso.
Unha vez rematada a proxección, os directores analizarán as pezas, nunha conversa aberta tamén ao público asistente.
O día 27 será a quenda dos filmes de non ficción, con catro exemplos "imprescindibles para coñecer o que está pasando no cinema galego máis vangardista", segundo sinalan os organizadores. Trátase de París#1, obra na que Oliver Laxe narra a experiencia cinematográfica dun grupo de amigos en Galicia; Costa da Morte, de Lois Patiño, galardoada nunha ducia de festivais internacionais; Verengo, de Víctor Hugo Seoane; e Arrainos, unha película na que Eloy Enciso (natural de Meira) recolle as vidas dos habitantes dun pequeno pobo perdido entre os montes de Galicia e Portugal.
Sumaranse nese xornada de sábado os produtores Felipe Lage e Beli Martínez para analizar, xunto con varios directores, as claves do Novo Cinema Galego.
A Escolma pechará o día 28 con dúas longametraxes de ficción, Las altas presiones, de Ángel Santos, e Encallados, de Alfonso Zarauza, directores que tamén estarán en Sarria para falar sobre cine de ficción periférico con Jaione Camborda e Alberte Branco.
Este último, coordinador da mostra, confía en que a selección realizada «dea boa conta da cantidade e calidade dos produtos audiovisuais galegos». De feito, as pezas que se poderán ver en Sarria contan, entre outras distincións, con varios premios Mestre Mateo e Nuevas Olas, ademais de recoñecementos en festivais coma os de Cans, Tui, Noia ou Curtocircuito, xunto con mencións e premios en certames internacionais.
Esta primeira Escolma de Cinema Galego nace coa aspiración de converterse nunha cita fixa no calendario cultural de Sarria.