O ciclo das mimosas

Acostumada a ver a miña paisaxe de infancia e de val cubrirse, nos primeiros meses do ano, da escuma amarela das mimosas, recordo a sorpresa que me causou saber que esta flor humilde e de arrecendo doce atopara noutras xeografías un lugar de mérito en mercados e florarías. Gustoume tamén saber que en Italia a flor que pregoa o Antroido galego é o símbolo da Festa della Donna. Antes asociaba eu un ramo de mimosas coa ornamentación colorista das mascaradas que cun agasallo con significado de seu ou cun símbolo instaurado polas feministas italianas nas súas celebracións reivindicativas. Será que na miña paisaxe abrigada case nunca conseguen as mimosas –flores delicadas e efémeras– aguantar até os días marzais poboados, as máis das veces, por árbores que se van espindo sobre unha alfombra de po amarelo.

Dentro duns días, as mensaxes que estas xornadas nos atafegaron os sentidos tamén serán po e os carteis que cobren os valados publicitarios irán rompendo a pel como casca de piñeiro. Cando isto lean, resultarán xa caducos, porque serán outras as imaxes e as palabras chamadas a invadiren os medios.

Este ano de estacións intempestivas non quedarán case mimosas no meu val na semana na que se celebra o Día Internacional da Muller. Os eventos electorais, en todas as súas modalidades, apenas deixaron espazo nos medios para dar conta desta xornada de homenaxe, nun momento no que a violencia contra as mulleres segue a sangrar as portadas de informativos e xornais. Debates e outros xéneros orais calaron as consignas que continúan a demandar xustiza, traballo e liberdade para as mulleres, así como o dereito a gobernar no corpo propio. Por outra banda, imperativos xustificados nas boas prácticas preelectorais prohibirán algunhas das concentracións que adoitan ocupar as rúas. Son as tiranías dun calendario tamén intempestivo no que demasiadas datas están marcadas pola cadencia dos sufraxios.

 

Neste día no que os axentes políticos procuran escenificacións para a súa tensa espera, as reivindicacións que acompañan o Día Internacional da Muller están condenadas a quedar nun segundo plano. Aínda así, os datos que sitúan a poboación feminina nunha posición de debilidade nos ámbitos económico, laboral ou social, maquillados e endereitados máis que nunca polos mellores desexos, petarán como chuvia marzal no silencio desta xornada. Mañá será outro día e non haberá moito tempo para facer balances de ningunha festa que non sexa a peregrinaxe cara ás urnas, as contas e os recontos. Nunhas semanas, as reivindicacións e as consignas coreadas con voces de muller quedarán esquecidas na memoria destes días revoltos, os carteis irán rompendo a súa casca e as mimosas quedarán pouco a pouco espidas, prontas a iniciaren un novo ciclo.

 

Comentarios