El ciclo Creadoras Galegas da Imaxe deja en Lugo cine hecho por mujeres

O ciclo Creadoras Galegas de Imaxe achegará a Lugo desde hoxe a máis recente produción audiovisual feita por mulleres en Galicia, coa proxección de películas de realizadoras e creadoras como Margarita Ledo Andión, Peque Varela, Olaia Sendón, Mónica Ares ou María Yáñez.

O salón de actos da sede da Deputación de Lugo acollerá ata o mércores esta programación, organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Vicepresidencia terceira, área de Benestar Social e Igualdade, da Deputación de Lugo.

A produción audiovisual en Galicia experimentou nos últimos anos un importante incremento cualitativo e cuantitativo, sinalan desde o Consello da Cultura Galega. «Non son poucas as mulleres que están a intervir traballando nos diferentes eidos deste ámbito creativo. Porén, nas mostras de documental e cinema galegos, séguese a observar un cando menos curioso silenciamento das propostas das novas directoras», engaden as fontes anteriormente citadas.

Son estas cuestión as que configuran o obxectivo fundamental do ciclo Creadoras Galegas deImaxe, coordinado por Margarita Ledo Andión e Encarna Otero, da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Trátase de dar a coñecer e difundir propostas e obras de mulleres e contribuír, así, «a paliar a desinformación e invisibilidade existente».

As autoras serán as protagonistas dun ciclo en que se exhibirán pezas audiovisuais de recente creación e que contará coas creadoras para un coloquio posterior no que se debaterán cuestións relacionadas co seu traballo.

Abrirá hoxe o programa coa proxección das fitas ‘Cienfuegos, 1913’, de Margarita Ledo Andión; ‘Gato encerrado’, de Peque Varela; ‘Mulleres da Raia’, de Diana Gonçalves, e ‘Illa Pedra’, de Adriana Páramo.

Mañá será a quenda de ‘As damas negras’, de Sonia Méndez; ‘Os fabulosos irmáns da luz’, de Olaia Sendón, e ‘A semente’, de María Reimóndez.

Remata o ciclo o mércores con ‘Linguas cruzadas’, de María Yáñez e Mónica Ares; ‘Cousas do Kulechov’, de Susana Rey, e ‘O mito de Venus’, de Cristina Castro, Carmen Costa, Nuria López, Jacobo Rey e Silvia Roca.

Comentarios