domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

''O certame literario vilalbés converterase nun galardón clásico''

untitled-1.jpg
untitled-1.jpg

O escritor Vicente Piñeiro, socio e colaborador do Iescha, defende o rol do Instituto no mundo cultural da Chaira «como unha empresa moderna con vocación artística que permite recoller a nosa memoria» nun momento «no que a crise está afectando ao consumo do libro».


VICENTE PIÑEIRO vén de presentar en Vilalba ‘A cova do adeus’, a última das súas obras, que está editada polo Iescha.

Qué supuxo ver o libro publicado?

Facía moito tempo que quería ver ese libro publicado. ‘A cova do adeus’ é a primeira parte dunha triloxía fantástica de recreación de mitos ambientada no país mítico no que sempre chove, que segundo García Márquez é Galiza.

Pese a que gañou en 2005 o Pedrón de Ouro estivo gardada nun caixón durante dez anos. O mundo editorial é cada vez máis complicado?

A crise esta afectando ao consumo do libro e o mundo editorial está moi cambiado. En Galiza, para algúns editores parece que só escriben ben tres ou catro porque a eses lles editan calquera cousa. Outro problema é a viabilidade económica e temos a sensación de estar cada vez máis pobres. Moitas editoriais fixeron redución de persoal e os que antes publicaban dez libros ao ano agora publican dous e se teñen a garantía económica dalgún premio literario. Por outra parte, o mercado de lectores en galego é moi escaso e non hai apoios dabondo por parte das nosas institucións e os libreiros, agás uns poucos, só exhiben os libros editados en castelán.

Os premios, que papel teñen no panorama actual? O recoñecemento non significa apoios editoriais?

Algunhas editoriais editan os libros gañadores dos concursos, que son unha oportunidade para editar e dar a coñecer o noso traballo, pero antes de gastar os cartos en selos e fotocopias, que boa falta nos fan nestes tempos de crise, habería que enterarse ben que é o que edita esa editorial que colabora no premio para non perder o tempo. Mosquéame que case sempre gañen os mesmos, tal vez porque tamén son os que máis venden ou os máis coñecidos. E iso non é xusto, é unha estafa.

A súa obra é o número 19 da Biblioteca Chairega. Que opina do papel que está a desenvolver o Iescha?

Se o Iescha fose unha empresa diría que é unha empresa moderna con vocación artística e outra que nos permite recoller a nosa memoria, ser alguén no mundo cultural da Chaira. Os proxectos do Instituto cúmprense e será moi difícil substituír ou transcender cando xa non estean as persoas que o crearon e traballan nel. No Iescha existe a liberdade artística. O que consegue non se debe respecto ao político, o respecto é outro.

O libro ‘A cova...’ pertence a unha triloxía sobre o Rei Cintolo. É un resumo da mitoloxía galega?

A triloxía non é un resumo da mitoloxía galega, que ten unha penetración máis intensa e máis completa do obxectivo dos meus libros. Nos que recreo mitos a maxia contaxiosa presume que todas as cousas que unha vez estiveron en contacto seguen estándoo mediante unha atracción segreda, por una simpatía oculta, cuxo impulso é transmitido dunha a outra por intermedio do que podemos concebir, como unha clase de éter invisíbel non semellante ao postulado pola ciencia moderna, xusto para explicar como as cousas poden afectarse entre si a través do espazo e do tempo aínda que pareza baleiro.

‘Cazadores de tesouros’, a segunda parte, é un xogo de rol. Unha aposta por chegar a outro público?

Hai moita xente afeccionada aos xogos de rol, os cazadores de tesouros, e todo o libro o é. Só falta ilustralo sobre un taboleiro para poder xogar na casa. Pero tamén pode ser un xogo de rol en vivo arredor da cova de Supena en Mondoñedo. Unha obra de teatro na que participen os personaxes para defender ou apoderarse da espada máxica que está oculta na cova e protexida polo rei Cintolo, polos habitantes da cidade de Bría que quedaron alí encantados e polo xigantesco Boi Bruón que á súa vez protexe á princesa Xila.

Esta obra pódese comprar en ebook. É dos apocalípticos ou cree que papel e informática convivirán?

Papel e informática terán que convivir nestes primeiros anos do século. Máis aló supoño que en termos de mercado o papel perderá a batalla se as cousas seguen así, máis os efectos negativos da deforestación, o abandono da reciclaxe... Os que queiran ler terán que facelo desta maneira, pois o ebook é máis barato, aínda que se seguirán editando libros porque sempre haberá románticos.

O terceiro, ‘A espada máxica do século XXI’, é unha lectura ou será continuación do xogo?

Non é unha continuación do xogo. En ‘A Espada máxica...’ asistiremos a través da súa lectura á posta en práctica de ritos máxicos en beneficio ou dano dos homes a través duns magos daquela época mitolóxica narrada na primeira e na segunda que intentarán contactar coa espada para danar ou destruír ao inimigo. Un pequeno fío será a superstición universal sobre a maxia contaminante que é a simpatía máxica que se cre que existe entre unha persoa e as partes separadas dela, tales como o pelo ou os recortes de unllas.

Gañou o Certame Literario de San Ramón en 2003, anos antes de que se publicaran as obras galardoadas. Deberían editarse todas?

O premio non consideraba nas bases a publicación da obra e recordo que aquel poema místico en contra da guerra de Iraq reciteino no auditorio diante de Manuel Fraga e outros políticos do Partido Popular que se puxeron moi nerviosos, aínda que logo Fraga recibiume no seu despacho da Xunta e mandou que me publicasen dous libros do Xacobeo. Creo que co paso do tempo o premio vilalbés se converterá nun galardón clásico, un referente inevitable da literatura na Chaira e de Galiza para que algún día se poida aludir a unha xeración de escritores como se fai noutros, coma o Pedrón de Ouro. Tal vez co apoio da Deputación e o Concello de Vilalba, o Iescha se podería encargar do proxecto.

Na súa web publica moitos textos «á enteira disposición gratuíta da xente». Que opina da Lei Sinde?

Paréceme ben que non se vulneren os dereitos de autor, pero desa lei que está metida no traseiro do Proxecto de Lei de Economía Sostible só coñezo que se dixo que con ela chegariamos ao fin da piratería, que os xuíces non pintan nada, que só afecta ao canon dixital, que se chama Sinde, que Sinde é coma a nena de Rajoy, e que se queremos mercar unha fotocopiadora nos controlarán vía satélite a ver se fotocopiamos libros con dereitos de autor. Pero se é o fin da piratería, que vai ser de Bernardino Talavera, Henry Morgan, Olonés, ou dos 110 corsarios ao mando de Woodes Rogers?

Dentro da súa obra, hai narrativa e poesía, teatro e contos infantís. En cal se sinte máis cómodo?

Síntome moi cómodo ao escribir de todo e gústame ter unha desculpa para deixar o traballo que estaba facendo para escribir unha carta, un poema, un artigo, un soño e despois volver onde estaba. Non son antiprosa nin antipoesía, non escribo para gañar cartos, non son tan bo para iso, non quero deixar o corazón entre o comercio e a barriga, cando quedo baleiro forxo proxectos ou escribo unha obra de teatro que me faga rir. Onde e cando me sinto máis cómodo é escribindo e cando ao escribir expulso todo aquilo que se axita dentro de min. Gozo escribindo cando a poesía que estaba lonxe se achega e sufro cando escribo sobre a barbarie e a maldade dos homes.

Din que non ten pelos na lingua...

Ás veces os escritores somos o fastío de moita xente, porque algúns escritores tomamos parte activa no mundo e cando non se teñen pelos na lingua é porque se di a verdade cruel e espida e iso ás veces deixa a un moi tocado sen ningún tipo de compensación. É unha responsabilidade, un asunto grave segundo en que bando se pelexe. Case sempre é unha perda de tempo e acábase sendo o punto de mira das calumnias, das indiferenzas e dos malos desexos.

Ten algún proxecto en mente?

Estou a corrixir unha novela ambientada nuns nenos trasladados do gueto de Kovno que formaron parte da escola de albanelería que construíron os fornos crematorios do campo de exterminio en Auschwitz Birkenau. A novela titúlase ‘Don Quijote en Auschwitz’. A primeira parte desenrólase no campo de exterminio e a segunda en Lituania.

De preto

«O mellor premio que podería ter é que trasladen o meu fillo a Galicia»

É escritor ou topógrafo?

Coa topografía gañei a vida e gocei dela. Nun principio son xeómetra, por algo lle escribín vinte sonetos á xeometría.

Cando comeza a escribir?

Non lembro un só día da miña vida que non tivese un lapis na man, ou unha xiz.

Escribir é...

Compracer á musa, traballar, correr, avanzar, conducir, cansar, desilusionarse, deixarse arrastrar, beber viño barato, sentir arrebatos, non pensar na gloria.

É de Vilalba e vive en Lugo.

Toda a miña familia naceu en Vilalba, agás un avó e unha bisavoa. Miña nai xa saíra de contas cando o 22 de xuño viaxou a Lugo e, tal vez polos botes que daban as rodas do coche de liña nos buracos da estrada, pariume ao chegar, por iso non nacín en Vilalba. Teño alí unha finquiña e no cemiterio ós meus devanceiros.

Un escritor?

Difícil, pero William Faulkner.

Padece escleroses múltiple dende hai 24 anos. Eso merece máis recoñecemento?

O mellor premio que me poderían conceder e que se atendese unha petición de traslado para Galiza en Comisión de Servizo por Razóns Humanitarias para o meu fillo Vicente, Policía Nacional, que tamén escribe, pois eu ás veces case non vexo para escribir porque a esclerose múltiple cáusame diplopía.

''O certame literario vilalbés converterase nun galardón clásico''
Comentarios