jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

O LIBRO DAS FESTAS DEDÍCASE AO LONXEVO CONCURSO

O Certame Literario de Vilalba bate o seu récord ao recibir 56 poemarios

O premio está dotado por primeira vez con 7.000 euros e o fallo do xurado farase público o vindeiro 21 de agosto

A cuadraxésimo terceira edición do Certame Literario de Vilalba xa é a convocatoria dos récords, posto que non só concederá o premio máis elevado dos outorgados por este galardón ata a presente data, senón que o fará elixindo ao receptor deses 7.000 euros entre o maior número de obras presentadas, logo de recibirense un total de 56 poemarios, máis do dobre de orixinais ca nos últimos anos.

"O incremento da dotación, a maior dun certame de poesía en galego, tivo repercusión no número de obras presentadas", apuntou o alcalde, Agustín Baamonde, quen precisou que esa era a idea cando se optou por entregar un só premio, no canto de dous, pero cunha recompensa maior -ata o de agora eran 3.000 euros para o gañador e 1.500 para o segundo-, co firme propósito de que o certame "sexa un referente".

O rexedor vilalbés confía en que de cara ao futuro se incremente aínda máis a participación, para o que tamén se traballará en potenciar a difusión da obra gañadora, que un ano más publicará Alvarellos Editora, facéndoa chegar, por exemplo, a bibliotecas ou centros públicos.

"Estamos moi contentos, tanto polo número de traballos presentados como pola repercusión e a difusión que sabemos que tivo a convocatoria do premio", explicou o concelleiro de cultura de Vilalba, José Antonio Pita, quen incidiu en que o esforzo feito para mellorar o que é o certame máis lonxevo de Galicia se debe á súa "aposta pola cultura".


Pita adiantou que no xurado que asumiu a responsabilidade de designar o orixinal gañador, repiten, con respecto ao ano pasado e a moitas convocatorias previas, o director da Real Academia Española, Darío Villanueva; o xornalista e director do grupo Radio Principal, Fidel Fernán, e o xornalista Xulio Xiz. Súmanse el mesmo e outro vello coñecido do certame, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

O seu fallo farase o público o día 21 de agosto, ás 19.00 horas, coincidindo coa presentación dos poemarios galardoados en 2016, dos que son autores dous chairegos. Xosé Otero Canto gañaba o primeiro premio con Telúrica e María Xosé Lamas facíase co segundo con Sonetos preposicionais.

O gañador recollerá o premio, como é costume, no auditorio Carmen Estévez na tarde do 30 de agosto, no tradicional acto de clausura do Certame Literario, que coincide coas patronais vilalbesas de San Ramón e Santa María e no que tamén se pronuncia o pregón das festas.

O Certame Literario de Vilalba bate o seu récord ao recibir 56...
Comentarios