O Centro Ramón Piñeiro deu a luz 211 proxectos nos seus vinte anos de existencia

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fixo onte 20 anos. Nestas dúas décadas de andaina, deu a luz 211 produtos científicos: 9 recursos en liña, 96 libros e 106 publicacións que se poden consultar tanto en soporte papel coma na web.

Algúns dos seus proxectos convertérono nunha referencia internacional. Tal é o caso do Arquivo Galicia Medieval ou o proxecto Literatura Infantil e Xuvenil, a partir do que naceu a Rede Ibérica de Literatura Infantil e Xuvenil.

Na área de lingua, creou ferramentas como o tradutor ES/GL, de uso estendido na administración e tamén accesible para toda a cidadanía, ou co sintetizador de voz CoToVía, produto de uso público que, ademais conta cunha magnífica execución fonética.

Tamén no seo do centro desenvolve o seu labor o Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal), un proxecto no que colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega para garantir a actualización léxica do galego e asegurar a viabilidade do seu uso en todas as áreas da vida pública.

Comentarios