O centro cultural de Alcántara abre hoxe as súas portas

O centro cultural de Alcántara, en Mondoñedo abre hoxe as súas portas unha vez rematadas as obras de acondicionamento deste espazo concebido como un produto de turismo cultural adicado ós literatos e músicos nados na cidade. A proximidade das eleccións municipais impide facer nestes momentos unha inauguración oficial, algo que se pospón para máis adiante, pero o Concello quixo abrir as instalacións para que veciños e visitantes podan xa desfrutar delas. O horario de apertura é de 10.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.00 horas.

O centro alberga unha exposición permanente dos literatos e músicos deste concello: Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Noreiga Varela, Pascual Veiga e unha selección dos mestres de capela, como Pacheco ou Santa Baia. «Os visitantes poderán atopar datos sobre a súa vida e a súa obra, así como fotografías e vídeos sobre eles», explican dende o goberno municipal, presidido por Orlando González Cruz.

Os visitantes tamén atoparán unha referenza á música, co reflexo de orquestas e grupos folclóricos mindonienses de antes e de agora. Outro sector fortemente vinculado a Mondoñedo e que tamén estará presente no centro é o da imprenta, xa que a mindoniense foi unha das primeiras, precisamente pola labor desenvolvida por literatos e músicos.

Na parte superior, onde se situaba o coro da antiga igrexa, instalouse un espazo para o estudo e a consulta con material bibliográfico e vídeos sobre todos os persoeiros que deu a cidade. «Esta zona irase dotando pouco a pouco de material», explican.

Alcántara será ademáis un centro productor de actividades culturais e a primeira delas será este sábado, ás 20.00 horas, cando o profesor Antón Meilán desenvolverá a conferencia ‘Mondoñedo, berce de escritores’.

Tecnoloxía

A idea de misturar cultura e turismo levou a situar nas novas instalacións un punto de información turística fortemente vinculado ás novas tecnoloxías. Así, á esquerda da porta principal atópanse unhas pantallas interactivas con propostas turísticas a realizar na cidade -puntos de interese, características, itinerario-. Unha aplicación permite descargar toda esta información nun teléfono móvil.

Comentarios