O centro comercial do futuro

Jaime Berredo, creador e director executivo de Flashwer, no seu despacho das Pontes (Foto: BARUK)
photo_camera Jaime Berredo, creador e director executivo de Flashwer, no seu despacho das Pontes (Foto: BARUK)

Un emprendedor pontés tivo hai pouco menos dun ano unha idea que se fará realidade este venres: a creación dunha plataforma online de información comercial a nivel de toda Galicia, con múltiples beneficios tanto para as empresas como para os usuarios.


O autor da idea, Jaime Berredo, é un rapaz de Lalín afincado no municipio pontés que, canso de pasar horas e horas nos centros comerciais sen resultados satisfactorios, pensou en crear unha páxina web dende a cal se puidese atopar todo aquilo que un puidese precisar dun xeito fácil, rápido, económico e, sobre todo, personalizado. Buscou un equipo de traballo, constituído por unha deseñadora orixinal (Margarita Rivero), un deseñador gráfico (Roberto López) e un programador (Daniel Loureiro), e comezou a darlle forma ó seu proxecto.

«Os nosos obxectivos principais foron dende un principio que as empresas tradicionais puidesen ter o seu oco en Internet e, ó mesmo tempo, que o consumidor puidese atopar o que necesitaba dun xeito cómodo e fiable», confesa o creador da web. «Flaswer funcionará como un centro comercial virtual, no que a empresa estará posicionada e no que o cliente poderá estar sen gastos de tempo, diñeiro, nin desprazamentos, tranquilamente dende a súa casa».

De feito, o funcionamento desta plataforma virtual é moi sinxelo. Consistirá en breves ‘flashes’ de información -que conterán unha foto e non máis de 160 caracteres- mediante os cales as empresas rexistradas na web poderán informar ó usuario das súas mellores ofertas. As empresas disporán, asemade, dun perfil propio no que poderán informar dos seus horarios, actividade, valores e todo o que precisen, todo isto de xeito gratuíto. «Xa non teñen escusa para estar presentes en Internet, e a súa presenza na rede é importante para os seus intereses», afirma Jaime.

Ademais das empresas, as vantaxes que terán os usuarios de Flashwer tamén serán múltiples. A páxina funcionará como un dobre buscador: directo e indirecto. Se o cliente opta por utilizar a forma directa soamente ten que introducir as palabras clave do ben ou servizo que precisa, e a web xa lle indicará cales son as mellores ofertas nese campo. Se, pola contra, prefire utilizar a busca indirecta, pode dar un paseo virtual a través dos diferentes niveis de busca -Galicia, provincia, localidade, sector e subsector- ata dar co obxecto da súa pesquisa.

Financiamento

Chegados a este punto moitos preguntaranse: «E como se financia isto?». Os beneficios para os administradores de Flashwer chegarán, coma no caso doutras webs, a través da publicidade en páxina pero tamén no posicionamento dos ‘flashes’. «Cada empresa ten dereito a un perfil e a un ‘flash’ gratuíto, e despois os prezos xa varían segundo a súa colocación -máis arriba ou máis abaixo- nos resultados da busca e segundo o nivel no que queiran anunciarse -non é o mesmo Galicia que As Pontes-; aínda así, nós situaremos sempre en boa posición as ofertas máis atractivas para o consumidor», aclara Jaime Berredo.

Seguridade

Tódalas casas comerciais e autónomos que queiran anunciarse na plataforma online terán que facilitar o seu CIF ou NIF e un teléfono de contacto, para garantir a seguridade e fiabilidade necesarias ós clientes. «O empresario entra na web, rexístrase e nós enviamos un e-mail de confirmación; a partir de aí, nós recibimos o aviso de que temos unha nova empresa e chamamos ó responsable para confirmar os datos», subliña Jaime.

A importancia que se lle dará en Flashwer ó tema da seguridade vai máis alá da confirmación das empresas de que existen realmente, xa que os propios usuarios -tanto empresas como clientes- terán a súa propia política de privacidade e a posibilidade de denunciar condutas fraudulentas ou agresivas. Así mesmo, a páxina ten un sistema para detectar a linguaxe inapropiada, polo que calquera comportamento fóra do común pode ser sancionado pola dirección da páxina. «Queremos que os nosos usuarios atopen un clima de confianza, seriedade e protección», puntualiza Jaime Berredo. «Eu propoño a todos os internautas que proben Flashwer libremente e, se gusta e non defrauda, que se rexistren como usuarios».

Novidades para tódolos públicos

As maiores novidades que presenta Flashwer con respecto a outras páxinas e buscadores son a facilidade, personalización e interactividade. Unha das opcións das que disporán os usuarios rexistrados será a de contactar coas propias empresas proveedoras para expor as súas necesidades particulares. «Incluso podes subir unha foto do que queres e preguntar quen o ten», comenta Jaime con entusiasmo.

Axenda persoal

Ó rexistrarse, o usuario establecerá os seus gustos persoais e será a propia páxina a que o informe sobre as mellores ofertas para cada caso. Nesa axenda persoal tamén haberá lugar para os cumpreanos, cunha opción que permite atopar os regalos que mellor se adapten ás características de cada persoa. «Ti introduces o sexo, a idade, os gustos e o prezo que queres gastar, e a web xa che indica as opcións máis válidas», confesa o director de Flashwer. .

Aceptación da idea

Durante os últimos meses a idea xa foi transmitida a varios organismos de toda Galicia (Federación Galega de Comercio, Subdirección Xeral de Comercio, asociacións de empresarios...) e a resposta obtida foi «moi boa», segundo asegura Jaime. Agora mesmo, antes da apertura ó público de Flashwer, prevista para este venres, xa están contactadas máis de 4.000 empresas galegas, todas elas destinadas ó comercio de bens e servizos para o consumidor final. Se todo sae segundo o previsto, é moi posible que a empresa pontesa amplíe horizontes cara outras cidades de España con maior actividade comercial, como Madrid ou Barcelona. Aínda así, polo de agora Jaime Berredo prefire ser «prudente» e agardar por «resultados palpables».

Comentarios